Apuntes biográficos/históricosPertencente a unha familia fidalga, Juan Francisco de Castro Fernández estudou Leis, chegando a ser membro do Colexio de Avogados de A Coruña, adscrito á Real Audiencia de Galicia. Ao longo da súa vida ocupou cargos de importancia, como os de cóengo da Catedral de Lugo, dignidade de arcediago de Dozón, ou provisor e vigario xeral no bispado lucense. Asemade, desempeñou un papel clave como director da Sociedade Económica de Amigos do País en Lugo. Juan Francisco de Castro Fernández foi unha das figuras sobranceiras da Ilustración galega. Na súa obra é posíbel ver o interese que nel espertaban materias tan distintas como a historia, a xurisprudencia ou as ciencias naturais. Como prototipo de intelectual ilustrado, as súas inquedanzas abranguían a meirande parte das ramas do saber. Estas inquedanzas reflíctense no prolífico e heteroxéneo da temática da súa obra. Dentro dela destaca: Dios y la naturaleza. Compendio histórico, natural y político del universo [...]. Neste título reflíctese claramente a intención que tiña o autor de atopar unha teoría na que se conciliasen o mundo físico e o divino.