(Freixo de Espada-á-Cinta, Portugal, 1878 - Vigo, España, 1954)
Apuntes biográficos/históricosAs referencias dos seus descendentes suxiren unha orixe acomodada que o azar se encargou de abolir, o cal favoreceu a emigración cara a terras galegas.
É así como José de Sousa, o seu irmán maior, desprazouse (finais do século xix) a Ourense, cidade na que inaugurou un estudo de fotografía e desde a cal reclamou ao mozo Jaime. Este comezou alí a súa actividade fotográfica no estudo familiar, ata a breve asociación (1899) co tamén fotógrafo José Gil, truncada cando este decide a apertura dun estudo fotográfico (1900).
A lectura dunhas notas manuscritas de Jaime informa de que a cidade de Ourense afoga as súas aspiracións, polo cal, ao longo de cinco anos (1900-1905) consagrouse á práctica do nacente cinematógrafo en terras portuguesas. Segundo testemuño escrito do propio Jaime Pacheco, estes anos foron decisivos na súa formación estética e cultural.
De volta a Galicia permaneceu dous anos na capital ourensá, mentres a súa mirada dirixíase cara á cidade de Vigo, lugar no que Cándida Otero, tras a morte (1899) do seu marido Filippo Prosperi, rexentaba a galería fotográfica que ambos fundaran (cara a 1872). A idade de Cándida Otero, xunto ao desexo de apertura de novos horizontes de Jaime Pacheco, impulsou a creación da sociedade Pacheco e Viúva de Prosperi (1907). Ao producirse o falecemento da viúva de Prosperi (1915), a galería pasa a ser de exclusiva propiedade de Jaime e cambiará o seu nome polo definitivo de Fotografía Pacheco.
O nacemento dos seus fillos Jaime (1916) e Alberto (1924), a chegada dos seus sobriños portugueses César e Horacio e a contratación de fotógrafos, laboratoristas e retocadores converteron a Fotografía Pacheco na referencia documental preferente da cidade de Vigo e unha das máis importantes de Galicia. Á morte de Jaime Pacheco (1954) os seus fillos e a súa neta, Susi Pacheco, continuarán o seu labor ata o peche definitivo do estudo (1992).
Vítor Vaqueiro Foxo
Formas alternativas do nomePacheco, 1878-1954
Pacheco, Jaime de Sousa Guedes, 1878-1954
Guedes Pacheco, Jaime de Sousa, 1887-1954
Fontes consultadas1. Autores galegos na BUSC. Visitado o 8 de outubro de 2021 http://www3.usc.es/busc-autoresgalegos/autoridadesdet.asp?ida=9803
2. Catálogo de autoridades da Biblioteca Nacional de España. XX1421486. Consultado o 8 de outubro de 2021