Apuntes biográficos/históricosXosé Otero Abeledo, alcuñado como Laxeiro, nado en Donramiro (Lalín) o 23 de febreiro de 1908 e finado en Vigo o 21 de xullo de 1996, foi un pintor galego, un dos máis representativos que ten dado Galicia en todos os tempos.
Foi o maior de sete irmáns dunha familia de labradores. Os seus pais emigraron a Cuba, mais el quedou en Lalín coa súa avoa, da man de quen coñeceu relatos fantásticos e mitolóxicos da tradición oral galega. A súa mestra, Dona Teresa, animouno a desenvolver os seus dotes artísticos, regalándolle lapis e cadernos e falándolle dos grandes mestres do Museo do Prado.
Aos 13 anos viaxa á Habana para encontrarse coa súa familia. Alí traballa como axudante de escenografía no Teatro José Martí ás ordes do mestre catalán Manuel Roig. O coñecemento da escenografía teatral foi un factor decisivo na construción do seu discurso estético.
Logo de traballar como proxectista de vidreiras artísticas na Casa Ballesteros Hermanos, en 1925 regresa a Galicia afectado dunha grave enfermidade pulmonar.
Entre 1928 e 1929 colaborou como artista gráfico nos diarios Faro de Vigo e El Pueblo Gallego publicando unha serie de "monos". Na década de 1930 irrompe no panorama artístico galego como un dos artistas novos máis interesantes. Coñece a Carlos Maside e Luís Seoane nos faladoiros do Café Español de Santiago de Compostela e implícase de cheo no movemento renovador da arte galega.
Durante 1931 e 1932 obtén senllas bolsas de estudos do Concello de Lalín e da Deputación de Pontevedra, grazas ás que viaxa a Madrid para estudar como alumno libre na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando. Alí visita asiduamente o Museo do Prado, onde coñece a obra de Velázquez, Tiziano, O Greco e Goya, quen xunto con Rembrandt, son as dúas grandes influencias da súa xuventude.
En 1933 retorna a Galicia e participa nunha exposición organizada pola Barraca Resol (un proxecto de achegamento da cultura de vangarda, á cultura popular) xunto a Colmeiro, Carlos Maside, Luís Seoane, Eiroa, Eugenio Granell e Fernández Mazas, nunha das primeiras manifestacións do que máis tarde sería coñecido como o Grupo dos Novos.
En 1934 casa con Luisa Villamarín, e en 1935 realiza unha exposición en Pontevedra, nunha sala da Rúa Michelena. O golpe de Estado que deu pé á Guerra Civil española colleuno preparando unha exposición de debuxos en Vigo, e en 1937 foi recrutado como soldado forzoso no bando sublevado. Foi destinado á fronte de Asturias, onde coñeceu o poeta Celso Emilio Ferreiro, co que compartiu amizade até a morte do escritor. Nesta época na fronte debuxa sen parar.
Ao final da guerra instalouse en Pontevedra, non sen certo medo a represalias pola súa pertenza ao Partido Galeguista e a súa amizade coa intelectualidade nacionalista e republicana. Neste período deu clases de plástica no Instituto de Pontevedra e realizou varios murais.
En 1942 Laxeiro decidiu establecerse en Vigo, formando parte activa dun grupo de intelectuais e artistas que converteron a cidade no verdadeiro motor intelectual da Galicia de posguerra, un período que culminou coa fundación da Editorial Galaxia en 1950.
En 1951 foi a Buenos Aires, onde quedou até 1970, período que tivo unha importancia decisiva, tanto vital coma artística. Chegou invitado a participar nunha exposición na Galería Velázquez, organizada polo Centro Galego e comisariada por Luís Seoane co propósito de dar a coñecer un grupo de creadores galegos. A intención de Luis Seoane era facer unha exposición soamente con obra de Laxeiro e Carlos Maside, pero o interese da organización por mostrar máis autores galegos fixo que Seoane accedese a incluír o resto de artistas que, finalmente participaron na mostra.
En 1951, acabado de chegar á Cidade do Prata, Laxeiro coñece a Eulalia de Prada, de quen non se separará ata a morte desta, en 1989. Eulalia significou unha estabilidade emocional e afectiva no artista, pero tamén unha reorientación da súa carreira artística e, dalgún xeito, un cambio de actitude con respecto ao contexto cultural no que se movía.
En 1970 Laxeiro decidiu regresar a España definitivamente. Fixou a súa residencia en Lalín, Vigo e Madrid, onde se instalou enriba do Café Gijón. Na España da decadencia do franquismo Laxeiro, por fin, comezou a ser recoñecido.
En 1975 volveu expoñer en Madrid e en Vigo e deseñou o Cartel da Feira do Cocido do seu concello natal, Lalín.
En 1981 inaugurouse a Colección Laxeiro en Vigo, xerme do que hoxe é a Fundación que leva o seu nome. Son anos dunha intensa actividade expositiva, "Laxeiro na Arxentina" no Quiosco Alfonso da Coruña, exposición inaugural do Auditorio de Galicia, varias mostras nas galerías Trinta de Santiago, Abel Lepina de Vigo, Calpurria e Esse en Ourense, participou en ARCO en 1993, expuxo na sala de Cultura de Pontevedra, en Caixa Galicia, en Caixanova e en 1996 dedicáronlle a gran retrospectiva no Centro Galego de Arte Contemporánea, en Santiago de Compostela que se viu tamén no Centro Cultural Conde Duque de Madrid.
O 21 de xullo de 1996, Laxeiro faleceu en Vigo.
En 2021 a Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) anunciou a súa elección como homenaxeado no Día das Artes Galegas 2022, que se celebra cada 1 de abril.
Galipedia