Cada 18 de maio, desde o ano 1977, o Consello Internacional dos Museos (ICOM UNESCO) organiza o Día Internacional dos Museos. Este ano o tema é "Museos pola igualdade: diversidade e inclusión".

A pesar da actual situación de pandemia, os museos de Galicia prepararon unha serie de actividades que se desenvolverán na rede.
Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia únese a esta celebración "online" relanzando o seu micrositio sobre as coleccións bibliográficas dos museos galegos.

As coleccións bibliográficas dos museos de Galicia non son moi coñecidas polo público en xeral a pesar de conservar nas súas institucións magníficos fondos especializados. Neste primeiro proxecto dixitalizáronse obras procedentes do Museo das Peregrinacións e de Santiago e do Museo Massó. En total supuxeron máis de 19.800 páxinas que Galiciana-BDG pon a disposición da cidadanía.