Apuntes biográficos/históricosDirixiu o colexio do Sagrado Corazón de Ferrol e foi profesor e fundador do colexio Comellas, onde estudou Ricardo Carballo Calero. Dirixiu La Resurrección de Galicia (1876), colaborou en La Semana Literaria e El Heraldo Gallego, e foi director do semanario católico El Propagador e do xornal ferrolán El Correo Gallego. Tamén fundou o semanario El Canta Claro (1912) e colaborou en La Voz de la Liga.
Manuel Comellas é un autor do Rexurdimento estudado por Couceiro Freijomil, Carballo Calero, Francisco Fernández del Riego e Dolores Vilavedra, entre outros. Literariamente dedicouse ao teatro coa obra Pilara ou Grandezas d'os humildes (1920), un drama en prosa, en seis actos, de ambiente mariñeiro, no que se critican os asoballamentos dos poderosos, exemplificados por medio dun intento de abuso sexual. Estreouse no teatro Jofre o 18 de agosto de 1919 e repúxose o 6 de novembro. Tamén cultivou o ensaio, como un comentario que publicou en 1905 sobre a encíclica Rerum Novarum (1891) do papa León XIII, ou unha colección de artigos titulados Recreacións científicas, sobre o emprego da lingua galega na ciencia. Estivo ligado ás Irmandades da Fala durante unha época breve.