Apuntes biográficos/históricosFoi unha lingüista alemá que, como autora da tese de doutoramento "Altgalizische Urkunden. Documentos Antiguos de Galicia", converteuse nunha das pioneiras dos estudos galegos no mundo.
En 1926 fixo a súa visita a Galicia á procura de documentación para a súa tese, onde toma contacto co grupo da revista Nós.
Nese mesmo ano é proposta como membro do Seminario de Estudos Galegos e envía unha carta aberta á Real Academia Galega, para agradecer a axuda recibida nas súas investigacións. A carta foi publicada no Boletín da Real Academia Galega.
A prensa galega chegou a informar das súas investigacións e cita a Pablo Pérez Costanti, arquiveiro do concello de Santiago, como o seu guía na cidade compostelá. El foi quen a puxo en contacto con Casto Sampedro, que lle proporcionou acceso aos documentos que necesitaba para os seus estudos en Pontevedra.
Non parece haber dúbida de que, na súa viaxe a Galicia en 1926, Sponer non só se centrou na transcrición paleográfica da documentación galega medieval, senón que tamén aproveitou a visita para estudar o galego moderno. Unha nota publicada o 15 de novembro de 1926 no número 35 da revista Nós indicaba que Sponer xa marchara cara a Portugal, pero que o seu traballo sobre o galego antigo estaba moi adiantado e que tiña a intención de elaborar outro sobre o galego moderno, para o que contaba con realizar outra visita no futuro.
De feito, en xaneiro de 1927, a propia Margot Sponer publicou na revista Nós un artigo baixo o título "Algunhas notas dos meus estudos sobre filoloxía galega".
En 1929, Sponer licénciase e traballa como profesora de lingua española na universidade berlinesa. No seu departamento foi visitada a comezos da década de 1930 por Vicente Risco.
Lois Tobío foi outro dos intelectuais galegos que entraron en contacto con Margot Sponer en Berlín.
Logo da suba de Adolf Hitler ao poder inícianse purgas na universidade, co resultado da expulsión de moitos científicos. Margot Sponer deixa de dar clase na universidade e sábese que entre 1933 e 1936 viviu durante algunhas temporadas en España, probablemente en Madrid, mentres proseguía as súas investigacións.
En 1935 presenta a súa tese de doutoramento titulada "Altgalizische Urkunden" ("Documentos do galego antigo"), onde recolle transcricións de documentos galegos datados entre os anos 938 e 1494.
Margot Sponer foi expulsada da universidade en outubro de 1942 e, aínda que tentou o reingreso ao mes seguinte, non o conseguiu. As razóns da súa expulsión non se coñecen. En febreiro de 1945 foi detida pola Gestapo polas súas actividades de cooperación coa resistencia contra os nazis.
Galipedia