Apuntes biográficos/históricosAs Irmandades da Fala foi unha organización nacionalista galega activa entre 1916 e 1931. Coas Irmandades da Fala, o movemento galeguista asumiu por vez primeira o monolingüismo en galego.
Aurelio Ribalta, escritor galego que residía en Madrid e membro dun grupo de intelectuais galeguistas alí establecido, realizou un chamamento dende a revista Estudios Gallegos para defender a lingua galega en 1915. O 5 de xaneiro de 1916 Antón Villar Ponte recolleu a chamada de Aurelio Ribalta e comezou dende as páxinas de La Voz de Galicia unha campaña para a creación dunha Liga de Amigos do Idioma Galego e en marzo publicou o folleto Nacionalismo gallego. Nuestra afirmación regional, no que volve sobre a cuestión da defensa, dignificación e fomento do uso da lingua galega.
O 18 de maio de 1916, Antón Villar Ponte convocou unha xuntanza nos locais da Real Academia Galega na Coruña, á que asistiron arredor de 20 persoas, entre as que se encontraban Manuel Lugrís Freire, Florencio Vaamonde Lores, Uxío Carré Aldao, Luís Porteiro Garea, Francisco Tettamancy ou Ramón Villar Ponte, entre outros. Nesta xuntanza acordouse a creación dunha Irmandade dos Amigos da Fala que tería como obxectivo a defensa, exaltación e fomento da lingua de Galicia, e nomeouse a Antón Villar Ponte como Primeiro Conselleiro.
Deseguido constituíronse diversas agrupacións locais.
As primeiras accións das Irmandades estaban dirixidas á promoción da cultura e da lingua galegas, coa convocatoria de cursos de galego, recitais, xogos florais, exposicións etc., pero pronto comezaron a manifestarse tamén iniciativas de carácter máis político, como amosa o feito de presentaren en 1918 dous candidatos ás eleccións: Porteiro Garea por Celanova e Losada Diéguez pola Estrada, con negativos resultados en ámbolos dous casos.
O 14 de novembro nace o órgano oficial das Irmandades, A Nosa Terra, dirixida por Villar Ponte e escrita integramente en galego.
A I Asemblea Nazonalista celebrouse en Lugo entre o 17 e 18 de novembro de 1918 e contou coa asistencia de 16 agrupacións locais representadas por unhas 60 persoas, a metade procedente da cidade da Coruña. Desta Asemblea saíu o "Manifesto Nazonalista que supuxo a superación definitiva do rexionalismo e que constituiría a base común de todos os programas do nacionalismo galego ata a guerra civil. Nel defínese a Galicia como nación, reclámase a autonomía integral de Galicia e a cooficialidade do galego.
En 1920 Vicente Risco publicou o ensaio Teoría do nacionalismo galego, verdadeiro ideario das Irmandades. Nesta obra postúlanse os trazos diferenciais históricos, xeográficos e culturais que lle dan a Galicia o status de nación.
Na IV Asemblea Nacionalista, celebrada en Monforte do 18 ao 20 de febreiro de 1922, as Irmandades esgazaron: a Irmandade da Coruña e algunhas pequenas da comarca mantiveron as formulacións orixinais, mentres que o resto das agrupacións constituíronse na Irmandade Nazonalista Galega, dirixida por Vicente Risco e que propugnaba a creación dun partido de corte nacionalista desde o que participar nun estado federalista e conseguir a autonomía pero mantendo o abstencionismo electoral limitándose á propaganda e organización ata que se consolidase, por situarse fóra do sistema os seus detractores acusárono de culturalista e apoliticista.
No seo das Irmandades xorden o Grupo Nós (1920) e o Seminario de Estudos Galegos (1923), que continuarán a tarefa de difusión e reivindicación do idioma, así como o estudo e a investigación da realidade galega. Deste xeito escríbense as primeiras obras de ensaio en lingua galega, centradas no estudo e divulgación da historia e da cultura galegas: xeografía, etnografía, historia, filosofía etc. A creación de editoriais, revistas e xornais propician tamén un notábel incremento da actividade literaria.
En decembro de 1931 celébrase en Pontevedra a VII Asemblea Nacionalista. Nesta asemblea acordouse a creación dun partido político que aglutinase o galeguismo, constituíndose deste xeito o Partido Galeguista e a disolución das Irmandades.
Galipedia
Formas alternativas del nombreIrmandades da Fala (1916-1931)
Fuentes consultadas1. Galipedia. Visitada o 22 de xullo de 2020 https://gl.wikipedia.org/wiki/Irmandades_da_Fala
2. A Nosa terra (A Coruña), ed. facs., D.L. 1988-D.L. 1995 año 9, n. 215 (25 xul. 1925), cabecera (Irmandades da Fala)