"Ramón Armada Teixeiro, nado en Santa Marta de Ortigueira o 14 de setembro de 1858 e finado na Habana o 1 de xullo de 1920, foi un escritor e dramaturgo galego. Foi secretario do Centro Gallego de La Habana e impulsor de diversas iniciativas nesta institución. Con Manuel Lugrís Freire, fundou e dirixiu A Gaita Gallega (1885-1889), primeiro periódico escrito enteiramente en lingua galega na emigración americana. Colaborou tamén noutras publicacións.Empregou os pseudónimos de Chumín de Céltegos e Amador Marán. Foi autor de traballos publicados en lingua castelá sobre pedagoxía e sobre as sociedades galegas de América. Publicou tamén poesía en galego: Caldo de grelos (1895), Aturuxos (1898), Milicroques (1918) e finalmente Da terriña (1918), que inclúe o contido dos tres anteriores.
Con todo, Armada é maiormente coñecido por ser autor da zarzuela titulada ¡Non máis emigración! (1886), que é a primeira peza teatral en galego representada fóra de Galiza. Foi estreada no teatro de Tacón da Habana no ano da súa publicación. Subtitulada Apropóseto lírico-dramáteco en dous autos e sete cadros, a obra é unha forte alegación contra a diáspora galega.
Ingresou na Real Academia Galega, como membro fundador, o 4 de setembro de 1905."
Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Xunta de Galicia
Atención a la ciudadanía - Accesibilidad - Aviso legal - Mapa del portal