(A Estrada, Pontevedra, España, 1876 - A Estrada, Pontevedra, España, 1972)
Apuntes biográficos/históricosManuel García Barros ("Ken Keirades"), nado no lugar de Ulla (Berres, A Estrada) o 16 de novembro de 1876 e finado en Callobre (A Estrada) o 11 de abril de 1972, foi un escritor e xornalista galego.
Nado nunha familia labrega, Manuel García Barros comezou sendo pastor e torneiro e estudou por libre a carreira de maxisterio na Escola Normal de Santiago de Compostela, que rematou en 1905, para ocupar a praza de mestre de primeiro ensino na parroquia de Rubín (A Estrada). No ano 1906 casou en Callobre con Carme Insua, onde viviu o resto da súa vida.
Xa en 1903, cando estaba a realizar o servizo militar en Vigo, comezou a colaborar en revistas e a tomar contacto cos movementos culturais de Vigo, moi especialmente co teatro. No ano 1907, e por mor do seu labor como director do xornal El Estradense, pasou por primeira vez pola cadea, feito que se volveu repetir no ano seguinte, acusado de calumnias.
Nos primeiros anos do século foi nomeado vicepresidente da Federación Sindical Agrícola do concello da Estrada. Os seus contactos e simpatía cos movementos agrarios de comezos de século son moi salientábeis así coma cos membros das Irmandades da Fala e posteriormente co Grupo Nós, moi especialmente co seu grande amigo e soporte cultural Ramón Otero Pedrayo. Xa a partir do 1920, pasou a ser un persoeiro recoñecido nas letras galegas e no galeguismo, canto máis ao ser un dos alma máter do xornal El Emigrado (1920), que foi o xornal de maior duración da Estrada ata hoxe, e no que colaborou con todo tipo de traballos. Neste último xornal escribía unha sección chamada Rexoubas na que, usando o pseudónimo Ken Keirades, promoveu unha afamada campaña contra o caciquismo. En 1925 participa na viaxe ao Pico Sagro con Castelao.
No ano 1927 aprobou as oposicións de Mestre Nacional, co seu primeiro destino en Pepín (Castrelo do Val). O golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 provoca que sexa detido e levado ao cuartelillo de Tabeirós, onde estivo a piques de ser paseado polos falanxistas. Foi suspendido de emprego e soldo por orde do Gobernador Civil, cando xa fora trasladado a unha parroquia da beira (San Pedro de Ancorados). O 20 de maio de 1940 publícaase a orde para separar definitivamente a Manuel García Barros do servizo como mestre nacional. Este emprego non lle foi xamais restituído.
No ano 1955 foi levado de novo ao cárcere, xunto con Francisco Fernández del Riego e Domingo Lemos Suárez, no seu caso simplemente por lle atoparen unhas revistas (Bohemias) que lle mandaran dende Cuba.
No ano 1957 foi nomeado membro correspondente da Real Academia Galega.
Os seus primeiros escritos xa saíron da súa pluma a finais do século XIX, sendo nestes comezos case en exclusiva poemas, que apareceron publicados por separado nos máis variados medios.
O seu primeiro artigo coñecido publicouse en Luz y Sombra de Vigo no ano 1898. A partir de aquí é destacable o seu labor xornalístico, especialmente no semanario El Estradense, unha publicación agrícola-social que se comezou a publicar no 1906 e na que participou con artigos, relatos curtos, etc. e da que foi o seu director. O periódico deixou de se publicar en 1909. Tamén publicou colaboracións poéticas e literarias en Eco de La Estrada. O 15 de setembro de 1916 recibe un accésit nun premio literario en Pontevedra e a súa foto sae en Vida Gallega.
No ano 1920 creouse o xornal El Emigrado, publicación financiada polos Hijos del Ayuntamiento de La Estrada de Cuba. Neste xornal comezou a publicar periodicamente os seus Contiños da terra e comezou a ser recoñecido e respectado no ámbito cultural galego e no movemento galeguista.
En 1933 comeza a súa sección Aguilloadas no xornal EI País de Pontevedra. En 1939 redacta e difunde clandestinamente Divagaciones sobre lo discutible e indiscutible. En 1942 remata de escribir As aventuras de Alberte Quiñoi. En 1943 escribe Para el buzón del padre P. En 1952 presenta Fiúnchos ao concurso literario do Centro Galego. Contos de Fiúnchos están incluídos en Enredos. En 1958 O Gaiteiro de Lugo edita varias poesías súas.
Xa en vida non viu publicadas máis obras, malia pasar toda a vida escribindo. No ano do seu pasamento, meses despois, saíu á rúa As aventuras de Alberte Quiñoi.
Toda a súa obra está escrita en galego, excepto un artigo: Divagaciones sobre lo discutible y lo indiscutible, no que se manifestaba contra a guerra e o fanatismo relixioso.
Galipedia