Apuntes biográficos/históricosMoitos estudosos sitúan o lugar de nacemento deste autor en Bracara Augusta (a actual Braga), poboación situada na antiga Gallaecia romana. Paulo Orosio destacou como historiador, teólogo e apoloxista. No 414 viaxou a Hipona, onde coñeceu a santo Agostiño. O santo, que influiría de modo decisivo no autor, animouno para que publicase a súa obra Commonitorium priscilianistrarum et origenistas, relacionada co conflito que mantiñan por aquel entón priscilianistas e orixenistas.
Na súa estadía en Xerusalem brindou axuda a San Xerónimo nas disputas que este mantiña cos pelaxianos. Abandonou a cidade santa no 416 pero, tendo noticia no transcurso da viaxe das guerras na Península cos invasores vándalos, decide retornar a Hipona. Nesta época publicou a súa obra máis coñecida: Historiarum adversus paganos libri septem, primeira Historia Universal cristiá.
Estímase que se conservan deste autor arredor de douscentos manuscritos e vinteoito incunábeis. Tal e como demostran as abondosas reedicións e traducións, foi ao longo dos séculos un dos autores máis lidos.