(Santiago de Compostela, 1904 - Meaño, Pontevedra, 1966)
Apuntes biográficos/históricosFilla de José Fariña González, militar, e Regina Cobián Tejo. Viviu a súa infancia en diferentes cidades debido á profesión do pai. Aos dez anos trasládase a Simes, á casa da súa avoa materna, onde comeza a desenvolver a súa vocación literaria.
Os seus versos apareceron en Vida Gallega, publicación da que foi asidua colaboradora, e na revista Gloria Femenina. O seu primeiro libro foi de poemas en castelán, publicado en Pontevedra en 1922 co título de Cadencias. En 1924 publicou Seara, con poemas en galego. Tamén publicou en galego o poema dramático Margarida a malfadada e a peza cómica O soldado froita e outros diálogos e monólogos. Margarida a malfadada xunto coa comedia en castelán La marquesa de Miraflores, foron estreados no Teatro Principal de Santiago o 23 de marzo de 1927. Colaborou en La Temporada en Mondariz e publicou nesa vila Pétalos líricos (1927). Foi elixida membro non numerario da Real Academia Galega en 1925.
Marchou a Buenos Aires, onde colaborou coa prensa (Céltiga, La Razón, El Mundo de Montevideo) e publicou Bajo el cielo porteño (1930) e Hosanna (1931). Regresou a Galicia en xaneiro de 1932 e escribiu unha zarzuela en tres actos e un cadro, O avarento, con música de José Jané. Foi vivir co seu pai destinado en Calatayud, onde fundou e dirixiu a revista Fortaleza dende febreiro de 1935. A finais de 1935 malvivía en Madrid ata o punto que se solicita unha subscrición popular para aliviar a súa situación económica.
En 1937 publicou ¡Por España y para España! (El libro del combatiente) con 14 poemas de exaltación relixiosa e do bando franquista, dez deles en castelán e catro en galego, que foi utilizado como propaganda polos sublevados. Ante o goberno franquista de Burgos publicitábase como orfa do pai "asasinado polos republicanos". Colaborou en La Noche, Sonata Gallega e Ciudad. En 1950, con motivo das festas de Vigo, publicou o folleto Cantiga serea con tres poemas.
A principios da década dos sesenta instálase definitivamente en Simes, onde morreu en 1967.