(A Guarda, Pontevedra, España, 1892 - Valladolid, España, 1962)
"Constantino Candeira Pérez, nado na Guarda o 12 de marzo de 1892 e finado en Valladolid o 6 de marzo de 1962, foi un arquitecto e escritor galego.
Fillo de Constantino Candeira González. Ingresou en 1913 na Escola de Arquitectura de Madrid e en 1921, tras dirixir as obras do Hospital-Asilo da Garda, foi nomeado arquitecto municipal de Medina del Campo (Valladolid) despois de abandonar ese cargo Leopoldo Torres Balbás.
En 1924 tomou posesión do cargo de arquitecto municipal de Santiago de Compostela e logo foi nomeado arquitecto diocesano, colaborando neste último cargo con Ricardo García Guereta na restauración da Capela do Hospital Real. Como arquitecto municipal encargouse das obras de traída de augas, rede de sumidoiros e pavimentación, así como da reforma de aliñacións e proxectos urbanísticos, tales como o de ensanche no Agro de Mendo, para Campus universitario con Residencias de estudantes, xardíns e campo de deportes, que acabaría sendo desenvolto por Jenaro de la Fuente Álvarez. Tivo grande empeño na conservación e restauración da arquitectura vernácula compostelá, destacando as súas intervencións na casa da Parra e na praza da Quintana. Traballou no Seminario de Estudos Galegos dirixindo a Sección de Catalogación Iconográfica de Galicia e pronunciando diversas conferencias sobre a arquitectura renacentista e barroca galega.
En 1930 tomou posesión do cargo de Arquitecto provincial da Deputación de Valladolid, exercéndoo ata a data da súa xubilación en 1955.
En 1933 foi nomeado arquitecto conservador do Museo Nacional de Escultura, encargándose das obras de reforma do Colexio de San Gregorio e da súa instalación museográfica, así como da restauración de igrexa mozárabe de San Cebrián de Mazote, xunto ao Arquitecto conservador Emilio Moya Lledós.
En 1934 foi nomeado Arquitecto director das obras de reparación, conservación e reformas do Tesouro artístico, e Académico de número da Real Academia da Purísima Concepción de Valladolid; en 1936 Arquitecto conservador dos Monumentos Histórico Artísticos da Zona Terceira (Salamanca, Ávila, Valladolid, Segovia, Soria e Zaragoza), e en 1947 Académico Correspondente da Real Academia de Belas Artes de San Fernando. A partir de 1940 foi subdirector do Museo Nacional de Escultura de Valladolid.
Fíxose cargo das obras de reconstrución da Universidade de Valladolid despois o incendio que se produciu en 1939, do traslado do Reitorado, oficinas e Seminarios de Arte, Arqueoloxía, e Historia, ao Colexio de Santa Cruz e da ampliación do Colexio Maior do mesmo nome. Proxectou o Colexio Maior Felipe II e os seus campos de deportes, despois transformado en Seminario Maior de Valladolid.
Proxectou e dirixiu diversos edificios residenciais e comerciais, como o de Aceites HIPESA -coñecido como a casa do barco-, transformado despois en Centro de Saúde. E como Arquitecto Provincial: a Escola de Capacitación agraria José Antonio Girón, en colaboración co Instituto Nacional de Colonización, da que se conserva, en parte, a vaquería e as dúas torres-silos.
Faleceu en 1962 e está enterrado no panteón familiar do cemiterio de Camposancos."
Enlaces relacionados
earthReal Academia de la Historia
earthGalipedia
Imaxe asociada á ficha
Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Xunta de Galicia
Atención a la ciudadanía - Accesibilidad - Aviso legal - Mapa del portal