Apuntes biográficos/históricosMaría Dolores Díaz Baliño, máis coñecida polo hipocorístico Lolita Díaz Baliño, foi unha pintora e profesora galega, primeira muller membro da Real Academia Galega de Belas Artes, xunto a Carmen Corredoyra.
Filla do ortigueirés Germán Díaz Teijeiro, dedicado ás obras públicas, e da ferrolá Camila Melitona Baliño López, en 1897 o matrimonio trasladouse desde a cidade departamental ata A Coruña, onde naceron catro dos seus nove fillos. Dolores foi a última filla en facelo, sendo irmá de Camilo Buenaventura (pintor e escenógrafo), Camila Melitona (chamada Miluca, que casou cun redactor de El Eco de Galicia), Germán (falecido sendo un bebé), Gonzalo (comerciante), Indalecio (delineante e escultor), Germán (comerciante e músico), Joaquín (que emigrou a Cuba e, máis tarde, Miami) e Ramiro (siluetista e comerciante).
Desde o seu número 21, do 1 de novembro de 1925, comezou a colaborar cos seus debuxos na revista sadense "Mariñana". Tamén colabora coa revista "Céltiga" (Bos Aires. 1924).
Afeccionada ao debuxo, pero sen formación académica, Lolita Díaz Baliño dá os seus primeiros pasos artísticos da man do seu irmán Camilo. En 1929 recibe unha bolsa da Deputación da Coruña para ampliar estudios á que termina renunciando. Foi con Carmen Corredoyra unha das fundadoras da Asociación de Artistas da Coruña.
Lolita foi profesora de debuxo na Escola de Artes e Oficios da Coruña, tarefa que compaxinou coa academia privada que tiña aberta no seu propio domicilio. Entre outras moitas, tivo como alumnas a Camen Arias de Castro, "Minina", que casaría co seu sobriño Isaac, María Antonia Dans, María Elena Gago ou Pilar Bugallal, destacadas representantes dunha nova xeración de artistas galegas.
Debuxante e acuarelista pero, sobre todo, pintora minuciosa e prolífica ilustradora, Lolita Díaz Baliño recibe ao tempo as influencias do simbolismo do seu irmán Camilo e do movemento rexionalista que neses momentos predomina na arte galega. A carencia de estudos e recompilacións dunha mínima amplitude sobre os seu traballo impide coñecer con profundidade o alcance artístico da súa obra. Un inxusto esquecemento que merece ser remediado.
Con apenas vinte anos, no mes de agosto de 1925, e case en broma, segundo as súas propias palabras, Lolita Díaz Baliño comeza o seu labor como iustradora na revista "Galicia" da Coruña, publicación que será continuada por "Galicia gráfica".
Os seus primeiros pasos como ilustradora reflicten un estilo máis próximo ao modernismo que ao rexionalismo ou simbolismo, movementos que máis tarde atribuiránselle a súa obra. As protagonistas das súas ilustracións son, en case a súa totalidade, figuras de mulleres vestidas con exquisitez, de aires elegantes e modernos, case frívolos, que recordan á muller independente e áxil do tamén galego Ribas ou de Penagos.
A revista "Céltiga" vai ser un dos principais escaparates, non só de Lolita, senón de boa parte da familia Díaz Baliño. O primeiro que aparece nas súas páxinas é Camilo, xa en 1925. Del atopamos abundantes colaboracións, portadas e entrevistas. A Camilo síguelle Germán, que colaborará na revista a partir de 1926.
Un ano despois será Lolita, quen xa comezaba a ser unha artista cotizada por moitas publicacións, a que publique as súas ilustracións en "Céltiga". De feito, o seu primeiro traballo para esta revista, a obra "Esperando el regreso", ocupa a portada do número 67 publicado en outubro de 1927. Dende ese momento, tanto Lolita como os seus irmáns, serán colaboradores habituais desta publicación, punto de encontro da intelectualidade galega residente en Arxentina ata 1932, ano no que sae á rúa o seu último número.
Polos mesmos anos nos que Lolita traballa en "Galicia gráfica", publica tamén na revista coruñesa "Mariñana". Na década dos trinta colabora con xornal "La Voz de Galicia". Nas súas ilustracións para este diario amosa xa un estilo cada vez máis persoal, que se afasta da clara liña modernista dos seus primeiros traballos. As manchas e as luces xogan agora un papel maior nos seus deseños. Unha maior fluidez e elegancia nas liñas, que captan con maior profundidade o movemento das figuras, é outra das características da mestría que Lolita vai acadando cos anos.
O talento de Lolita Díaz Baliño tamén quedará para a posteridade na cuberta do libro "Cantigas e verbas ao ar", de Xulio Sigüenza, publicado en 1928; e nas ilustracións do libro infantil "El jueves de Mariquita y Rosita o Mariquita y currucucu", de Matilde Vela.
Lolita Díaz participa por primeira vez nunha exposición colectiva como pintora na Exposición de Arte Galego (ao estilo das que xa levaban celebrándose na Coruña desde moitos anos antes) coa intención de exhibir «importantes obras dos mais xeniais artistas da Rexión» e ofrecer «conferencias os máis reputados críticos da Arte».
O 13 de febreiro de 1938 produciuse o seu ingreso como académica de número na Real Academia Galega de Belas Artes da Nosa Señora do Rosario, co número de orde 102.
A Asociación Galega de Profesionais da Ilustración e a Consellaría de Cultura da Xunta de Galicia dedicáronlle o Día da Ilustración 2021.