Fernández Varela, Manuel, Cóengo de Lugo, 1772-1834
(Ferrol, España, 1772 - Madrid, España, 1834)
Apuntes biográficos/históricosManuel Fernández Varela comezou os seus estudos en Filosofía no Colexio que a orde dos franciscanos tiña na vila do Caramiñal. Posteriormente, completaría esta formación cos estudos de Teoloxía que levou a cabo en Compostela. No Colexio Maior de Fonseca deixaría unha fonda pegada primeiro como colexial e máis tarde como reitor.
Aínda que comezou a súa carreira eclesiástica sendo párroco en Santa María de Sada, a súa vida estivo marcada por un continuo ascenso profesional: prior da Acoba, coengo e deán de Lugo, comisario xeral da Santa Cruzada, arcediago de Madrid...
Coma bo galego, favoreceu fortes investimentos na súa terra. Exemplo disto é o ensanche do río Limia, unha obra fundamental á hora de remediar os danos producidos polos frecuentes desbordamentos. Asemade, asignou pensións a artistas e escritores que mereceron a súa confianza, valéndolle o sobrenome de Mecenas, e mesmo de Magnífico, tal e como recolle Pérez Galdós nos Episodios Nacionales.