(A Coruña, España, 1885 - Santiago de Compostela, España, 1933)
Apuntes biográficos/históricosIngresou na Universidade de Santiago de Compostela en setembro de 1900, onde cursou brillantemente a licenciatura en Medicina, que obtivo en xuño de 1907. Finalizada a carreira foi axudante do profesor Ramón Varela de la Iglesia na cátedra de Fisioloxía. Posteriormente deixou a institución, instalando a consulta privada en Ferrol e, despois, na súa cidade natal, A Coruña. En 1911 reintegrouse na Facultade de Medicina da Universidade de Santiago como interino de Patoloxía xeral, gaña a praza de auxiliar ese ano e oposita e acada a cátedra ao ano seguinte. Acode, cunha bolsa da Xunta para Ampliación de Estudos a completar a súa formación en diversos laboratorios europeos, salientando a estancia na Clínica Médica da Universidade de Estrasburgo, na que traballou con Karel Frederik Wenckebach e León Blum. Roberto Nóvoa tiña un perfil singular entre o profesorado da Universidade e as súas ideas non eran ben acollidas polos sectores conservadores.
Anarquista na mocidade, sufriu un forte ataque do clero compostelán a raíz do discurso que pronunciou na inauguración do curso académico 1920-1921, El problema del Mundo Interior. En 1928 gañou as oposicións á cátedra de Patoloxía na Universidade de Madrid, un traslado no que tivo moito que ver o malestar con que se atopaba na Facultade de Medicina compostelá. Tivo sona de ser un excelente docente, os alumnos destacan a súa atención á formación clínica. Foi creador dun equipo de investigación. Desde a cátedra madrileña atraería unha gran cantidade de estudantado galego para rematar a súa formación.
Nóvoa despregou unha intensa actividade. Publicou preto de trescentos traballos, manifestando un especial interese pola difusión dos coñecementos médicos, o que concretaba na publicación de numerosos artigos divulgativos e conferencias. Participou en obras relevantes, como a Medicina interna de Hernando & Marañón, 1916-1920. Ademais, foi membro do equipo de dirección da revista Archivos de Endocrinología y Nutrición, fundada por Marañón, en compañía de Houssay e Augusto Pi e Suñer. Dirixiu Galicia médica e participou en varias revistas de divulgación científica e na potenciación de foros médicos.
No terreo da política institucional, en 1924 foi nomeado deputado polo distrito de Santiago-Padrón na Deputación provincial de Coruña. Dende ese posto realizou a proposta de integrar o Hospital provincial na Facultade de Medicina da Universidade galega, cuestión que provocou un debate social.
Na II República sería deputado representando a Federación Republicana Gallega. Nas Cortes defendeu unha república integral, unitaria, que ao mesmo tempo recoñecese as autonomías e interveu en contra da concesión do dereito ao voto ás mulleres.
Polo que respecta o problema da morte, aparecen na produción do profesor galego dúas datas significativas. Unha, a de 1916 cando pronuncia en Vigo unha sonada conferencia co título «La vejez, la muerte y la inmortalidad» e na que, curiosamente e anticipadamente, considera á Vida como un correlato da Existencia. Despois, en 1927, aparece un libro fundamental: «El instinto de la muerte». A doutrina pódese resumir así: Se a Vida (con maúscula) é parte da Existencia (tamén maiúscula), a Morte é a indicadora doutro tipo de existencia máis alta e de máis valor. Por eso é preciso venerala e cultivala. ¿Como? Deixando que dentro de nós floreza un instinto novo: o da morte. Morrer é o deber derradeiro que temos ca vida. Hai, ten que haber, unha morte serena, o que Nóvoa Santos bautiza como «la dulce despedida».
Formas alternativas do nomeNóvoa Santos, R., 1885-1933
Seudónimo:
Seudónimo: Novoakow, Pedro, 1885-1933
Seudónimo: Novoakow, Roberto, 1885-1933
Seudónimo: Max, 1885-1933
Fontes consultadas1. Catálogo de autoridades da BUSC. Visitado o 04 de maio de 2921 http://www3.usc.es/busc-autoresgalegos/autoridadesdet.asp?ida=3437
2. Catálogo de autoridades de la Biblioteca Nacional de España. XX1022987. Visitado o día 8 de febreiro de 2021.
3. Diccionario histórico das ciencias e das técnicas de Galicia. Autores. Sada (A Coruña) : Ediciós do Castro, D.L. 1993-2005, p. 232.