Castro del Río, Plácido R. (Plácido Ramón), 1902-1967
(Corcubión, A Coruña, España, 1902 - Cambados, Pontevedra, España, 1967)
Apuntes biográficos/históricosFillo do empresario e político Plácido Castro Rivas e de Eufrasia del Río Recamán. Aos seis anos a súa familia trasladouse e Cardiff, en Reino Unido, onde o seu pai tiña negocios en empresas de carbón. Máis tarde establecéronse en Scarborough e finalmente, estudou Arquitectura naval en Glasgow. É neste momento cando comeza a traballar como tradutor. Ás veces pasaba temporadas en Cambados, onde participaba en diversas actividades culturais.
Cando remata a carreira establécese en Londres e colabora con xornais como El Pueblo Gallego e Informaciones, e tamén en publicacións vinculadas coas Irmandades da Fala, como A Nosa Terra e Céltiga.
En 1930 retorna a Galicia e en 1931 convértese nun dos membros da Asemblea Fundacional do Partido Galeguista. En 1933 asiste ao IX Congreso de Nacionalidades Europeas en Berna como representante galego.
En 1936 e, tras o golpe de estado franquista, foi detido en Muxía, procesado e condenado á inhabilitación absoluta, e a unha importante multa. Instalouse entón en Coruxo, Vigo dedicándose á tradución de Poesía inglesa.
Volve a exiliarse, primeiro a Portugal e despois a Inglaterra, onde traballa como locutor da BBC co Galician Programme, o primeiro programa radiofónico estable en galego. Ademais segue a colaborar con xornais como La Nación, de Bos Aires, Galicia emigrante ou Jornal de Notícias, do Porto.
Cando remata a inhabilitación volve a Galicia, residindo en Cambados onde exerceu a docencia de Inglés no Instituto Laboral de Vilagarcía. Escribe no Diario de Pontevedra, El Pueblo Gallego e Faro de Vigo. E participa na organización doutras actividade culturais tales como a Festa do albariño ou a Romaría Viquinga de Catoira.
En 1963 publica a tradución ao galego da colección de poemas Rubaiyat do poeta persa Omar Khayyam, a partir da versión inglesa de Edward Fitzgerald, e máis tarde un ensaio sobre o poeta irlandés W.B. Yeats. En 1967 presentou un estudo comparativo entre a poesía da inglesa Christina Rossetti e a obra de Rosalía de Castro.
O IGADI creou en 2001 a Fundación Plácido Castro para manter o seu legado tras a tarefa de recuperación de Xulio Ríos, e a creación do premio de tradución Plácido Castro que cada ano recoñece a mellor tradución á lingua galega publicada na Biblioteca Virtual BIVIR, da Asociación de Tradutores Galegos.
Fontes consultadas1. Autores galegos na BUSC. Consulta o 21 de xaneiro de 2022 http://www3.usc.es/busc-autoresgalegos/autoridadesdet.asp?ida=1039
2. Catálogo de autoridades da Biblioteca Nacional de España. Consultado o día 21 de xaneiro de 2022. XX1087770