Apuntes biográficos/históricosOs lazos familiares deste autor foron fundamentais no desenvolvemento do seu labor. Ademais de estar emparentado coa nobreza portuguesa e a galega, Francisco de Caldas foi o sobriño doutro autor de renome: Álvaro de Cadaval, referente fundamental na súa obra. Sábese que os primeiros estudos de Francisco transcorreron no seu Tui natal. Posteriormente, trasladaríase a Compostela ao obter unha bolsa para cursar Dereito no Colexio de San Xerome. Continuaría os estudos de xurisprudencia en Salamanca, aínda que obtivo finalmente a licenciatura en Coímbra no 1578. Exerceu a avogacía en Lisboa e Braga. Foi oidor da Audiencia de Porto e conselleiro do Rei en Lisboa. En 1597, poucos meses antes da súa morte, foi nomeado profesor de Dereito Cesáreo da Universidade de Coímbra. Francisco de Caldas morreu deixando gran parte da súa produción inédita. A súa viúva encargouse de buscar o financiamento necesario, xestionando a publicación das obras do seu marido.