portada_follas_novas

Na actualidade a sección de monografías de Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia dá acceso a 4.935 títulos que suman máis de 730.000 páxinas dixitalizadas. O formato desas imaxes é JPEG, o máis empregado nas bibliotecas dixitais de todo o mundo, aínda que tamén conta con algunhas obras en formato PDF. No 2018 a Biblioteca de Galicia considerou que sería enriquecedor para Galiciana-BDG incluír novos formatos, como o ePub, coa intención de favorecer a difusión das obras patrimoniais galegas e facilitar o acceso á información dos usuarios desde diferentes dispositivos.

Este proxecto púxose en marcha sobre unha pequena selección de obras clásicas da literatura galega coa intención de seguir ampliando esta colección nos próximos proxectos de dixitalización impulsados desde a Dirección Xeral de Políticas Culturais. En total foron 16 as obras convertidas a formato ePub, o que permite a súa lectura nos múltiples dispositivos cos que é compatible este formato (tabletas, e- readers, móbiles, ...) e a súa descarga libre e gratuíta.

Para esta colección de obras en formato ePub seleccionáronse títulos de 6 autores fundamentais na historia da literatura galega: Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Eduardo Pondal, Marcial Valladares, Lamas Carvajal e Sofía Casanova. Dos grandes autores do Rexurdimento, Rosalía, Pondal e Curros, transformáronse a formato ePub os seus títulos máis significativos e procurouse tomar como referencia as primeiras edicións desas obras.

De Rosalía de Castro están accesibles en ePub 9 das súas obras máis importantes: Flavio, A mi madre, Cantares gallegos, Contos da miña terra, Ruinas, El caballero de las botas azules, Follas novas, El primer loco e En las orillas del Sar. Entre a obra de Curros Enríquez seleccionouse Aires da miña terra e O divino sainete, mentres que de Pondal dáse acceso en formato ePub ao seu poemario máis famoso, Queixumes dos pinos, en galego e Rumores de los pinos, en castelán. Para completar a selección incluíronse obras de Marcial Valladares, autor da primeira novela moderna en lingua galega, Lamas Carvajal, un dos precursores do Rexurdimento, e Sofía Casanova, primeira muller española que se converteu en correspondente permanente nun país estranxeiro.

Co obxectivo de darlle unha mellor difusión a esta colección créase en Galiciana-BDG este novo micrositio. Baixo o título de “Grandes clásicos da literatura galega”, dá acceso individualizado aos rexistros bibliográficos destas obras de dominio público, que poderán descargarse libre e gratuitamente en tres formatos, JPEG, PDF e máis ePub. Ademais, para a xeración dos arquivos PDF e ePub realizouse un proceso previo de recoñecemento óptico de caracteres (OCR) que levou aparellado a corrección dos textos obtidos, o que mellora os resultados das procuras a texto completo sobre esas obras.