(Laxe, A Coruña, España, 1900 - A Coruña, España, 1986)
Apuntes biográficos/históricosIsidro Parga Pondal, nado en Laxe o 17 de decembro de 1900 e finado na Coruña o 4 de maio de 1986, foi un químico galego especializado en xeoloxía. Destacou polos seus estudos en diversos eidos, que foron desde os da xeoquímica de rochas e minerais raros galegos, os areais galegos, o neovolcanismo da península Ibérica e o cartografado xeolóxico.
Isidro Parga Pondal procedía de dúas familias da burguesía galega de gran sona, preocupadas polo país. Era sobriño neto do vate Eduardo Pondal e neto do médico hidrólogo Isidro Pondal Abente por parte materna, e pola outra era neto de Salvador Parga Torreiro, catedrático de Dereito na Universidade de Santiago de Compostela e senador, e fillo de José Parga Casal, doutor en Dereito pola USC.
Logo da prematura morte do seu pai, en 1915, o seu homónimo avó foi o condutor de Isidro cara as ciencias experimentais. Fixo os seus estudos de bacharelato en Santiago de Compostela e a carreira de Química na Universidade de Madrid, rematando a licenciatura en 1922.
En 1923 obtivo praza de profesor auxiliar de Química inorgánica e Analítica na Facultade de Ciencias na Universidade de Santiago de Compostela. Porén, aparecen os seus primeiros traballos sobre xeoquímica, publicados na revista do Seminario de Estudos Galegos nado recentemente e do que é membro. Desde a Sección de Ciencias Naturais do Seminario de Estudos Galegos, Isidro Parga Pondal fomentou a investigación sobre as riquezas do solo e o subsolo galego.
No ano 1925 casou con Adelina Peinador Porrúa, filla do propietario do Balneario de Mondariz, Enrique Peinador Línes. Nese tempo realizou estudos de doutoramento en Zürich, volvendo no 1933 a cidade compostelá.
Coa creación do Laboratorio de Xeoquímica da Universidade de Santiago de Compostela,comezou as súas investigacións sobre Galicia e formou os primeiros xeoquímicos españois. En 1934 rematou a súa tese de doutoramento obtendo a cualificación de sobresaliente cum laude na Universidade de Madrid. No terreo do asociacionismo científico, Parga tivo un destacado papel na vida corporativa da "Sociedad Española de Física y Química", onde acudía de cando en vez as súas sesións, especialmente desde 1935. Viña sendo asociado desta corporación desde os seus tempos de estudante en Madrid e un estreito colaborador ata a súa destitución como docente. Ó comezo da Guerra Civil foi purgado do seu posto de profesor tras a delación por Batuecas Marugán. Tras a expulsión da Universidade de Santiago non retornaría máis á docencia universitaria, retirándose a súa vila natal, Laxe, onde faise cargo en 1938 da dirección da empresa Kaolines de Lage S.A.
Máis tarde creou o Laboratorio Xeolóxico de Laxe, onde seguiría co labor investigador compartido e coordinado co traballo empresarial que levou a cabo cos irmáns Fernández López, ademais doutras iniciativas empresariais e de formación científica con mozos investigadores e xeólogos que viñan de todas as partes do mundo.
En 1945 colaborou co Instituto Xeolóxico e Mineiro de España e en 1954 comezou a colaborar coa Universidade de Leiden, facéndoo despois coas de Montpellier, Estrasburgo, Zürich, Munster e Lisboa.
Foi premio Ramón Mourente no 1958. En 1960 ingresou na Real Academia Galega, acto no que tamén participou Luis Iglesias Iglesias. No 1962 foi nomeado profesor agregado do Instituto Lucas Malleda, recibindo a continuación diversas distincións: Pedrón de Ouro (1965), Premio de Ciencias da Deputación da Coruña (1972), Premio de Investigación da Universidade de Santiago e da Universidade Menéndez e Pelayo (1982), medalla Castelao, doutor honoris causa pola Universidade de Santiago de Compostela (1983), Presidente Honorario da Academia de Ciencias de Galicia, membro numerario da Academia de Doutores de Madrid, correspondente da Academia de Ciencias de Madrid e correspondente da A. de Ciencias e Arte de Barcelona. Concedéuselle o Premio Trasalba en 1984. A Real Academia Academia Galega de Ciencias adicoulle no 2009 o Día do Científico Galego,e no 2015 foi homenaxeado con ocasión da celebración do VI Día da Ciencia en Galego.
Galipedia
Fontes consultadas1. Autores galegos na BUSC. Visitada o 5 de abril 2022
2. Catálogo de autoridades da Biblioteca Nacional de España. XX970721. Visitado o 5 de abril 2022