Apuntes biográficos/históricosEstuda bacharelato en Ourense e, en 1884 marcha a Ávila ao Colexio Politécnico. É entón, cando comeza a escribir relatos. Volve a Ourense a rematar o bacharelato en 1885, e por fin trasládase a Santiago de Compostela a estudar Medicina. O curso académico 1889-1890 fíxoo tres materias na facultade de Valladolid, tras unha solicitude de traslado de matrícula, inda que remata a carreira en Compostela. Nese momento xa colaboraba en publicacións como O tío Marcos da Portela e escribía no suplemento La quince literaria da Gaceta de Galicia co pseudónimo Blanca de Valdomir ou Baldomir.
Casa en Compostela con Carmen Pico Ferreiro, herdeira dunha familia acomodada de Santiago, e voltan a Ourense onde o recentemente licenciado instala a súa consulta médica.
Publica noutros xornais, El Derecho e El Diario de Ourense, e rompe a súa amizade co seu mentor e amigo, Valentín Lamas Carvajal, debido a uns conflictos xurdidos no ambente xornalístico.
Funda con Álvarez de Nóvoa a Biblioteca Verde y Rosa, que só chega a publicar catro títulos, tres de eles de Heráclito Pérez. Moi prolífico durante a primeira década do século XX, publica relatos e poesía tanto en Galicia como en publicacións da emigración. Pero en 1913 é condenado ao desterro de Galicia por inxurias graves escritas en 1906 no Diario Universal, xornal madrileño, contra o notario compostelán Jesús Castro Rodríguez. Así rematou exercendo como médico no balneario de Paracuellos de Jiloca, en Calatayud, completamente esquecido polos círculos literarios galegos.
En canto á súa obra, Pérez Placer estaba vinculado cos grupos progresistas republicanos de Ourense que pretendían romper coa tradición pondaliana. Cultiva unha prosa impresionista moi sentimental e naturalista en certa medida. Está moi lonxe do conto popular tradicional. A súa poesía segue as tendencias románticas e realistas da literatura galega do momento.
Formas alternativas do nomePérez, Heraclio, 1899-1926
Fontes consultadas1. Autores galegos na BUSC. Consulta o día 25 de xaneiro de 2022 http://www3.usc.es/busc-autoresgalegos/autoridadesdet.asp?ida=3801
2. Catálogo de autoridades da Biblioteca Nacional de España. Consultado o día 25 de xaneiro de 2022. XX899802