(Ferrol, España, 1910 - Santiago de Compostela, España, 1990)
Apuntes biográficos/históricosRicardo Carvalho Calero é unha das figuras máis importantes da cultura galega do século XX, en especial pola súa contribución ao estudo da literatura galega, polo maxisterio que exerceu como primeiro profesor e catedrático universitario de Lingüística e Literatura Galega e pola influencia que atinxiron as súas ideas sobre o idioma galego.
Nado no Ferrol Vello nunha familia acomodada, Ricardo Carballo Calero puido realizar os estudos primarios e medios na súa cidade natal e, unha vez aprobado o bacharelato na Coruña, trasladarse con dezaseis anos a Santiago de Compostela para estudar Dereito, ben que a súa vocación o inclinaba máis ben para Filosofía e Letras.Alí desenvolveu unha intensa actividade intelectual e política: entrou axiña en contacto co galeguismo artellado arredor do Seminario de Estudos Galegos, do que chegou a ser secretario, e mantivo unha estreita relación cos seus principais persoeiros.
Destacado líder dun movemento estudantil moi activo contra a Ditadura de Primo de Rivera, após a proclamación da IIª República participou na fundación do Partido Galeguista (1931), nas mobilizacións a prol da galeguización da Universidade e no proceso de redacción do Estatuto de Autonomía para Galicia (1931-1932).
Rematada a carreira de Dereito, instálase en Ferrol como administrativo municipal e casa cunha compañeira de estudos, Ignacia Ramos (1933). Pero, dando preferencia á súa auténtica vocación, decide rematar os estudos de Filosofía e Letras (que cursa "por libre") e unha vez acadado o título (1936), prepara oposicións para ingresar na carreira docente.
Con esta finalidade, trasládase a mediados de 1936 a Madrid, onde o sorprende o golpe militar. Alistado nas milicias republicanas, loitou na defensa da capital, posteriormente obtivo en Valencia o grao de tenente e foi trasladado a Andalucía, onde o sorprendeu a fin da contenda (1939). Apresado polas forzas franquistas e acusado de «separatista», é condenado a 12 anos de prisión. Despois de cumprir dous anos de cárcere en Xaén, foi posto en liberdade provisoria pero inhabilitado para acceder a empregos públicos, polo que se viu obrigado a sobrevivir penosamente na súa cidade natal, traballando no ensino privado.
O ano de 1950 marca un antes e un despois na súa biografía. Nesa data trasladou a súa residencia a Lugo para dirixir o Colexio Fingoi, fundado polo empresario galeguista Antonio Fernández, que constituíu un viveiro de innovación educativa no medio do escurantista panorama do franquismo.
Aquel mesmo ano de 1950 fundábase a Editorial Galaxia, un proxecto que agrupou o galeguismo resistente no exilio interior, presidido por Otero Pedrayo e capitaneado por Ramón Piñeiro e Francisco Fernández del Riego, que foi fundamental na continuidade e revitalización da cultura galega, e no cal Carballo se comprometeu intensamente desde o primeiro momento.
En 1954 doutorouse en Madrid cunha tese que no ano seguinte iría ao prelo baixo o título Aportaciones a la literatura contemporánea, ao mesmo tempo que Galaxia publica a versión (previa e máis reducida) en galego desa obra, titulada Sete poetas galegos, en que estuda a obra de Rosalía, Pondal, Curros, Noriega Varela, Cabanillas, Amado Carballo e Manuel Antonio. Carballo conságrase así como o principal estudoso das letras galegas, poñendo os alicerces da que será a súa contribución capital, publicada nas dúas décadas seguintes.
A inicios do curso 1965-66 a Universidade de Santiago de Compostela única en Galicia ata 1990 comeza a ofrecer materias de lingua e literatura galegas na Facultade de Filosofía e Letras, que quedan a cargo de don Ricardo. Ao tempo, levantada a inhabilitación que pesaba sobre el desde 1939, aproba as oposicións para o ensino medio e comeza a dar clases no Instituto Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, onde tamén foi profesora a súa dona. Sete anos máis tarde, en 1972, convértese no primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega da USC, xa con dedicación exclusiva á universidade.
Nesta etapa, Carballo Calero é un dos persoeiros máis significados de Galaxia: é, realmente, o filólogo do que el mesmo denominou "grupo Galaxia", ben que como escritor se consideraba membro da "xeración do Seminario".
A súa posición no campo cultural galego comezaría a cambiar na segunda metade da década dos setenta e mudaría notablemente na última década da súa vida.
Discrepante co rumbo da política galega e en franco desacordo coa política lingüística da Autonomía, reivindica a súa independencia e manifesta as súas punxentes críticas de xeito tenaz e contundente. É neste período cando comeza a asinar a súa obra como Carvalho Calero. RAG
Formas alternativas do nomeCarballo Calero, Ricardo, 1910-1990
Carballo Calero, R., 1910-1990
Carvalho Calero, R., 1910-1990
Cadaval, Fernando, 1910-1990
Fernando Cadaval, 1910-1990
Colmeiro, Eduardo, 1910-1990
Llex, 1910-1990
Calero, Leopoldo, 1910-1990
Loureiro, José, 1910-1990
Larsson, Erik, 1910-1996
Dumbría, Martinho, 1910-1990
Namiq Ziyá
Carballo Caleiro, Ricardo, 1910-1990
R.C.C. (Carvalho Calero, Ricardo), 1910-1990
Fontes consultadas1. Autores galegos na BUSC. Visitado o 28 de febreiro de 2020 http://www3.usc.es/busc-autoresgalegos/autoridadesdet.asp?ida=962
2. Catálogo de Autoridades da Biblioteca Nacional de España. XX1123049. Visitado o 28 de febreiro de 2020