(Agüeiros, Boiro, España, 1916 - Santiago de Compostela, España, 1946)
"Nace en Agüeiros (Boiro), en 1916, no seo dunha familia acomodada, os González del Blanco. Debuxante. Caricaturista. O seu tío, Roberto González del Blanco, foi un pintor que ocupou a Cátedra de Anatomía pictórica, debuxo ao natural e movemento da Escola de Artes e Oficios de Santiago de Compostela. Probablemente foi o seu tío quen introduciu a Rubido no debuxo, pero non temos datos acerca da súa formación artística. Estudou Farmacia na Universidade de Santiago de Compostela. Publicó durante a década de 1940, as súas viñetas en "La Noche", suplemento do xornal "El Correo Gallego". Tamén realizou ilustracións para algún libro (Rimas de Bécquer, Aladino e a lámpada maravillosa). Utilizou o seudónimo de Ascio (Sombras). Os seus debuxos se conservan na Biblioteca de Galicia, onde o que máis abondan son as caricaturas. Rubido pertencía a un estrato social de clase alta, así que tratou á sociedade compostelá do seu tempo. Nas súas caricaturas hai médicos, profesores e alumnos de Farmacia, membros da nobreza e mesmo actores de Hollywood, pero tamén retratou paisanos e xente sinxela, que fixo protagonistas das súas viñetas.
Foi amigo do pintor, tamén esquecido, Carmelo Ferreño, a quen caricaturizou e dedicoulle unha viñeta para mostrar o bo retratista que era. Xunto a el participa nunha exposición conxunta, Carmelo con retratos e Rubido con caricaturas.
En 1941 participou na "Gran Exposición de Bellas Artes y Artes Decorativas" organizada pola Real Sociedade Económica de Amigos del País de Santiago de Compostela. Falece os trinta anos, o 14 de outubro de 1946, en Santiago de Compostela, onde está enterrado no cemiterio de San Domingos de Bonaval."
Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Xunta de Galicia
Atención a la ciudadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal