Apuntes biográficos/históricosNado en Santiago de Compostela en 1873, onde estudou Maxisterio na Escola Normal e onde permaneceu ata 1908, ano no que obtén praza por oposición nas escolas de Madrid, onde exerce ata polo menos 1942, última data da que se teñen noticias sobre Gerardo Rodríguez no Arquivo de Alcalá. Porén, na obra Catálogo de periodistas españoles del siglo XX de Antonio López de Zuazo Algar, consígnase o ano de defunción de 1935.
Autor de numerosas obras pedagóxicas e impulsor da organización societaria dos mestres españois, fundou en 1894 en Santiago de Compostela o semanario Revista de Ciencias Pedagóxicas, en colaboración co seu irmán José, da que saíron 25 números.
Desde 1914 foi presidente da Asociación Nacional de Maestros traballando pola integración das diferentes asociacións provinciais dentro da nacional. A partir de 1920 dirixiu a revista La Escuela Moderna onde tamén publica os seus artigos.
Tras a guerra civil a Comisión Superior Dictaminadora de Expedientes de Depuración permítelle continuar no mundo da educación pero non asumir niveis de responsabilidade política ou de xestión debido ás súas conviccións progresistas.
Os seus textos reflicten o positivismo bioloxicista e sociolóxico propio do pensamento dominante da época e herdeiro do darwinismo e da socioloxía de Augusto Comte, en base ao que considera que a experiencia, o rigor científico e os feitos predominaban sobre as verdades abstractas e absolutas, as crenzas relixiosas e a intuición.
Tamén escribiu obras escolares sobre diferentes materias do ensino primario e textos para o ensino da lecto-escritura. En todo caso a súa produción xira en torno a tres aspectos principais, a Pedagoxía, tanto na súa vertiente teórica como práctica e a profesionalización dos docentes. Na súa obra destaca o distanciamiento da Institución Libre de Enseñanza a cuxos autores non cita salvo algunha excepción.
Formas alternativas do nomeRodríguez García, Gerardo
Fontes consultadas1. Autores galegos na BUSC. Consultado o día 23 de agosto de 2021 http://www3.usc.es/busc-autoresgalegos/autoridadesdet.asp?ida=4297
2. Montes Moreno, Soledad. Aproximación bibliográfica y profesional a la figura de Gerardo Rodríguez García, impulsor del asociacionismo del magisterio. En: Anuario galego de historia da educación, 1999, 3: 183-204. ISSN: 1138-5863 https://ruc.udc.es/dspace/bitstream/handle/2183/7730/SAR_3_art_7.pdf?sequence=1&isAllowed=y
3. Catálogo de autoridades da Biblioteca Nacional de España. Consultado o día 23 de agosto de 2021. X1316381