• Orquesta Finisterre (Publicación: 1971)

    Orquesta Finisterre (Publicación: 1971)

  • Spallant, la orquesta  de los éxitos (Publicación: 1971)

    Spallant, la orquesta de los éxitos (Publicación: 1971)

  • Los Trovadores :  gran atracción musical, La... (Publicación: 1971)

    Los Trovadores : gran atracción musical, La... (Publicación: 1971)

  • Orquesta Melodías : Mellid (La Coruña) (Publicación: 1970)

    Orquesta Melodías : Mellid (La Coruña) (Publicación: 1970)

  • Grandes fiestas en Parada, Órdenes : los días... (Publicación: 1963)

    Grandes fiestas en Parada, Órdenes : los días... (Publicación: 1963)

  • Gran baile asalto : Sala de fiestas Saratoga,... (Publicación: 1959)

    Gran baile asalto : Sala de fiestas Saratoga,... (Publicación: 1959)

  • Orquesta Nueva Estrella de Mellid :  con la voz... (Publicación: 1970)

    Orquesta Nueva Estrella de Mellid : con la voz... (Publicación: 1970)

  • Verbena La Unión, Matamá-Rivas : monumental... (Publicación: 1963)

    Verbena La Unión, Matamá-Rivas : monumental... (Publicación: 1963)

  • Fiestas en Vidán : sorprendente iluminación,... (Publicación: 1968)

    Fiestas en Vidán : sorprendente iluminación,... (Publicación: 1968)

  • Grandes fiestas los días-- de 1971 en--... (Publicación: 1971)

    Grandes fiestas los días-- de 1971 en--... (Publicación: 1971)

  • Fiestas patronales de Sar : sábado, 15 agosto,... (Publicación: 1970)

    Fiestas patronales de Sar : sábado, 15 agosto,... (Publicación: 1970)

  • Fiestas Angrois, los días 15, 16, 17, 18,... (Publicación: 1968)

    Fiestas Angrois, los días 15, 16, 17, 18,... (Publicación: 1968)

  • Festas do Castro, Sada : os días 27, 28 e 29 de... (Publicación: 1971)

    Festas do Castro, Sada : os días 27, 28 e 29 de... (Publicación: 1971)

  • Sociedad Nuevo Club Ortigueira :  baile de gala... (Publicación: 1979)

    Sociedad Nuevo Club Ortigueira : baile de gala... (Publicación: 1979)

  • As San Lucas, Mondoñedo-1981  : 16-17-18-19 y... (Publicación: 1981)

    As San Lucas, Mondoñedo-1981 : 16-17-18-19 y... (Publicación: 1981)

  • La Flor, Montouto : sábado 19 diciembre,... (Publicación: D.L. 1981)

    La Flor, Montouto : sábado 19 diciembre,... (Publicación: D.L. 1981)

  • Armonía Show : + fuerte (Publicación: 2010)

    Armonía Show : + fuerte (Publicación: 2010)

  • Salón Miramar Redondela : domingo 26 marzo gran... (Publicación: 1967)

    Salón Miramar Redondela : domingo 26 marzo gran... (Publicación: 1967)

A Real Academia Galega define verbena como “Baile popular ao aire libre, que xeralmente ten lugar de noite”. A palabra orixinariamente dáballes nome ás plantas hoxe coñecidas en galego como verbenáceas; crese que o costume existente en lugares como Madrid de ir ao baile levando no traxe unha ponliña de verbena con flores acabou por designar as festas populares nas que as bailas e a música eran elementos esenciais.
Nas primeiras décadas do século XX as verbenas galegas viron como as gaitas do país e as bandas de música incorporaron músicas bailables importadas de América coma o charlestón, o fox-trot, o jazz ou o tango pola emigración masiva desde Galicia a países como Cuba ou Arxentina. Pouco a pouco integrantes de bandas de música constituíron en Galicia e nos países destino da emigración agrupacións especializadas en música bailable moderna, co nome de jazz bands ou orquestras, e desde a segunda metade do século XX inclúen no repertorio músicas coma a cumbia, o merengue, o rock, o pop e ata o reggaeton.
Así ata chegar a hoxe coñecidas como orquestras de verbena e convertidas no centro de espectáculos audiovisuais onde a imaxe ás veces importa máis que o baile. Cada ano ofrecen milleiros de actuacións en Galicia e fóra dela e dan traballo a máis de 4.000 persoas, razón pola que o 18 de xuño de 2015 centos de profesionais reclamaron en Compostela que a verbena galega fose declarada patrimonio cultural. A través da mostra inaugurada o 8 de novembro de 2023, a Bibioteca de Galicia quixo facer unha aproximación á súa historia. 
A exposición, organizada pola Biblioteca de Galicia e comisariada por Zósimo López Pena e Henrique Neira Pereira, levaba por título "Botamos un baile?: un século de orquestras de verbena en Galicia" e supuxo a culminación de meses de traballo de recompilación de documentos de todo tipo (folletos das festas, carteis, discos, dvd, tarxetas promocionais, revistas, etc.) relacionados co mundo da verbena galega. No transcurso destes traballos foron dixitalizados moitos materiais que agora queremos mostrar en Galiciana-BDG a través deste micrositio, un único punto que facilita a súa consulta.
DAS BANDAS ÁS PRIMEIRAS ORQUESTRAS: 1919-1938
O que diferenza as orquestras das bandas civís e militares son as músicas con ritmos máis modernos, das Américas do Norte e do Sur e doutras comunidades, que se difunden cos discos de gramófono e coa radio, traendo novos bailes coma o agarrado, fronte á muiñeira ou a jota galega. Nos programas ou libros das festas anúncianse verbenas nas que actúan bandas, orquestras e charangas.
No rural, a guía da Estrada de Pedro Varela Castro (1923) refire que nas festas se oen aires aragoneses e andaluces, guajiras e cancións da América do Sur, e cada vez menos o alalá, e que á beira de gaita, tamboril e bombo aparecen clarinete, frauta ou cornetín. As fiadas, espadelas e esfolladas, reunións de traballo no agro rematadas con música e baile, son substituídas polas verbenas con luz eléctrica. Así ata o parón obrigado da Guerra Civil, no que soamente se permitirán as celebracións relixiosas.

ORQUESTRAS DE VERBENA GALEGA

MÚSICA PARA A POSGUERRA: 1939-1949

Tras o parón obrigado pola Guerra Civil, no ano que remata esta regresan as verbenas coas celebracións relixiosas, anunciándose en carteis con lemas do réxime franquista como ‘Año de la Victoria’ ou ‘Arriba España’. Na Coruña nace en 1939 a orquestra Los Satélites. Nos carteis menciónanse gaitas do país, bandas civís e militares e ata algunha jazz band que logrou sobrevivir a guerra. Sorprendentemente algúns libros das festas inclúen algúns textos, aínda que mínimos, en galego. 

REVIVE A CONEXIÓN MUSICAL CO EXTERIOR: 1950-1959

A mellor situación económica permite que se constitúan orquestras que actúan en verbenas, teatros, hoteis ou nas novidosas salas de festas: Antonio Mallo, Capitol, Casablanca, Florida, Los Trovadores, Melodías del Jazz, Nueva Krazzy, Oriente, Radio, Ritmo, Saratoga, Sintonía, Swin, X... Son agora as grandes atraccións das verbenas e algúns carteis e programas inclúen fotos das formacións ou dos seus integrantes máis destacados.

No ano 1954 Los Satélites viaxa a Venezuela a probar fortuna en salóns de baile de grandes hoteis e casinos. É nese país onde poden aprender e perfeccionar de primeira man novos ritmos latinos para importar á verbena galega: salsa, merengue, chachachá... Álvaro Pita e Pucho Boedo quedan un tempo máis en Venezuela pero o resto da orquestra regresa a Galicia catro meses despois e aplica nas diferentes festas do territorio galego o adquirido en América.

No 1958 nace o Depósito Legal, normativa pola cal os impresores/editores de libros, folletos, xornais, revistas, discos ou carteis teñen a obriga de entregar un número determinado de copias para a súa conservación permanente en bibliotecas. Grazas a esta orde, acrecéntanse as coleccións das bibliotecas e constitúese o patrimonio bibliográfico do futuro.

A finais deste período comezaba a ser habitual que as orquestras profesionais tiveran actuacións en países onde se atopaban galegos na emigración coma Suíza ou Alemaña pero tamén en Marrocos, Finlandia ou Xapón.

A IDADE DE OURO DOS VOCALISTAS E DOS GRUPOS: 1960-1974

Nestes anos atopamos anuncios das actuacións das orquestas ocupando unha páxina enteira nos programas de festas e neles comezaba a incluírse fotografías dos cantantes.

Ás orquestras únense agora grupos que buscan facer unha música máis moderna, influenciados polo rock. Entre unhas e outros espállanse moitos nomes novos: Cortegada, Emperadores, Finisterre, Estrellas Azules, Gran Casino, Gran Parada, Lamas La Piña, Los Capris, Los Chicos del Jazz, Los Dandys, Los Dukes, Los Jaslas, Los Player’s, Los Quandos, Los Santos, Los Tamara, Millara, Novedades, París de Noia, Poceiro, Spallant, Trébol... 

O abaratamento da tecnoloxía lévaa ata os fogares: multiplícanse os anuncios de receptores de radio e ‘pick ups’ ou maletas tocadiscos e por iso grupos coma Los Tamara ou orquestras coma Los Satélites comezan a gravar discos de 45 RPM. En 1964 Los Tamara gravan o seu primeiro disco cun tema en galego, ‘Galicia terra nosa’, e en 1970 Andrés do Barro coloca o seu tema ‘O tren’ no número 1 das listas de éxitos musicais españolas.

AIRES DE LIBERDADE: 1975-1984 

A morte de Franco, o 20 de novembro de 1975, precipita o final da ditadura e dá inicio á democracia e á modernización da lexislación que afecta a profesionais da música. En 1977 fúndase o Sindicato Profesional de Músicos Españoles e a Asociación sindical de profesionales del espectáculo, que en 1979 é xa Sindicato Galego da Música.

En 1980 a formación coruñesa Los Satélites convértese na orquestra titular do programa Aplauso da Televisión Española.

O Faro de Vigo informa en xuño de 1983 que se estimaba en 500 o número de orquestras galegas de verbena. Aparecen axencias de contratación como Producciones Artísticas Goya, con sede en Santiago de Compostela e Valencia, Producciones artístico-musicales Meiriño ou Espectáculos Uninter.

Convivindo cos concertos de rock, folk, jazz ou pop, proliferan as salas de festas e discotecas. Acapulco-81, Costa Verde, Grupo Madeira, Los Píndaros, Nueva Galicia, Sintonía de Vigo, Súper Star... son algunhas das formacións activas na época. Nalgunhas localidades constrúense nos campos da festa palcos de cemento para acoller as orquestras, ás que lles quedan pequenos os palcos para as bandas.

DA ESTREA DA TVG A LUAR: 1985-1992 

O día 24 de febreiro de 1985 inaugura as súas emisións a Radio Galega e o 24 de xullo do mesmo ano faino a Televisión de Galicia, que se converterán en plataformas para difundir música galega. Xa en 1985 temos programas musicais como Ruada, dirixido por Xosé Luís Blanco Campaña, que tiña actuacións musicais de orquestras de verbena galega.

Xa en 1987, estréase o programa Verán, Verán, o primeiro de moitos con formato de gala de verán; contará coa presenza de artistas da música internacional célebres no seu momento, intercaladas coas nosas orquestras de verbena galega. Posteriormente seguirán espazos coma Auga de verán (1989) ou Mar a mar (1991). 

Neste período, comezan tamén a emitirse programas nos que a presenza das orquestras era inescusable coma Gran casino (1988) ou Radio onte (1990).

En 1985 publícase o Convenio Colectivo para Profesionais da Música e as Empresas de Salas de Festas e Discotecas de España.

En xuño de 1989, segundo o Sindicato Galego da Música, hai arredor de 500 orquestras de verbena en Galicia, 350 delas son formacións estables e unhas 3.000 persoas traballan neste sector. 

No ano 1992 o xornal El Correo Gallego distribuirá unha colección de 92 casetes entre as cales hai seis con temas gravados por orquestras.

No ano 1987 comeza as emisións o programa Venres show. Este espazo televisivo de variedades estaba gravado na sala de festas de Vigo Nova Olimpia e contaba, de xeito habitual, con actuacións de orquestras de verbena galega. No ano 1988, pasa a gravarse na sala de festas do Hotel Finisterre da Coruña. Este formato de programa mantense con Noite de estrelas (1989) para evolucionar en Luar (1992), tamén gravado nunha sala de festas, a Dona Dana, no concello de Touro.

Desde este período ata hoxe, as orquestras de verbena galega formarán parte do contido audiovisual na Televisión de Galicia colaborando en programas, galas ou especiais de fin de ano.

OS MACROCONCERTOS RÉSTANLLES PROTAGONISMO ÁS ORQUESTRAS: 1993 -1998

Co Pelegrín como mascota, o ano 1993 é o primeiro Xacobeo moderno para o que se deseña un amplo programa promocional e cultural, que estende as programacións musicais das festas de vilas e parroquias, e trae artistas de sona no panorama musical estatal e mesmo internacional.

Os concertos de cantantes ou grupos moi populares nas listas de éxito das emisoras musicais gañan espazo nos programas de festexos das vilas e cidades fronte ás orquestras de verbena.

No caso dos programas da Televisión de Galicia, sucede o mesmo fenómeno, os artistas de sona internacional desprazan as orquestras da verbena galega como se pode apreciar en espazos coma Verán de estrelas (1994), Pasarela de Estrelas (1995) ou Con luz propia (1998). 

Neste momento o casete comparte protagonismo co disco compacto, o CD, para difundir o repertorio de orquestras e grupos coma Capitol, Carmín, Gran Veracruz, Ledicia, Nueva Moda, Orquestra da Televisión, Panorama, París, Salsa Rosa, Trovadores... Case a totalidade das pezas que interpretan as orquestras son temas de moda en castelán e inglés, razón pola que a Xunta de Galicia promove a campaña Galicia, festas en galego.

Onde este tipo de formacións populares se atopan recoñecidas é no seu contorno natural: as festas das vilas e aldeas de toda a xeografía galega. Adivíñase unha necesidade de cambiar repertorio e formato de actuacións: moitas salas de festas xa mudaron a discotecas —con música gravada e evitando a música ao vivo— e non contratan servizos de formacións orquestrais; e tanto as cidades como a televisión apostan por artistas de impacto mediático e caché importante. O cambio chegará en breve.

OS CONCERTOS DAS ORQUESTRAS, AGORA ESPECTÁCULOS VISUAIS: 1999-2011

Neste período temos tres anos xacobeos que de novo atraen grandes investimentos en concertos: 1999, 2004 e 2010. Ante a necesidade de renovarse ou morrer pola chegada masiva de artistas e grupos foráneos, as orquestras van convertendo os seus concertos en auténticos espectáculos visuais nos que desaparece o baile para non perder de vista o que se presenta no escenario: acrobacias, efectos especiais, luces e ata música.

As renovadas orquestras espectáculo, que levan consigo nun ou varios camións o seu propio escenario móbil, atraen o interese da mocidade e comeza a crearse arredor das de máis sona un fenómeno ‘fan’ e de atención informativa.

AS ORQUESTRAS REIVINDICAN O SEU VALOR: 2012-2019

En 2012 publícase o estudo da USC Do palco ó escenario, coordinado polo profesor Xaime Fandiño, que calcula nunhas 4.000 persoas agrupadas en máis de 300 orquestras e grupos as que viven da verbena en Galicia. Ás formacións galegas súmanse as que actúan frecuentemente en Galicia como Armonía Show ou El Combo Dominicano e que xa son parte do panorama verbeneiro galego. Moitas —como Alarma, Costa Blanca, Compostela, Olympus, Panorama, París, Pontevedra... —editan CD con parte do seu repertorio para vendelos nos concertos e ata asinalos os seus integrantes, como fixeron os artistas de El Combo Dominicano en varios centros comerciais de Galicia con grande afluencia de público.

O 18 de xuño de 2015 medio millar de artistas de orquestras galegas maniféstanse en Santiago para reclamar que a verbena galega fose declarada patrimonio cultural pola Xunta e para esixir unha redución do IVE para o sector da música (sometido a un gravame dun 21%). En 2019, a Asociación Galega de Orquestas pon en marcha unha iniciativa para solicitar da Xunta de Galicia que as festas parroquiais ou patronais galegas sexan declaradas Ben de Interese Cultural (BIC).

O FUTURO: 2020-ACTUALIDADE

O ano 2020 foi moi duro para as orquestras e grupos, o mesmo que para moitos sectores máis, debido á incidencia da pandemia de Covid-19, a cal obrigou a suspender desde principios de marzo a maioría dos eventos multitudinarios, comezando a recuperación con moitas restricións no ano seguinte.

A importancia das orquestras de verbena no último século fai que teña unha notable influencia na música popular actual. A estética, os repertorios, os contextos de festa onde se desenvolven as súas actuacións foi calando nunha xeración de artistas e público que asumen as orquestras de verbena galega como parte dunha identidade. Pódese apreciar isto en formacións coma Malandrómeda, Ataque escampe, ou Novedades Carminha. Outras formacións que xogan con evocacións ás orquestras de verbena galega son Esteban e Manuel ou Ortiga. Pili Pampín, cantante galega herdeira quizais do fenómeno de Ana Kiro, aparece como unha pedra angular de diferentes formacións actuais colaborando con artistas coma Ortiga, Boyanka Kostova ou Familia Caamagno.

Vendo esta historia, estas influencias e colaboracións con grupos actuais, a xente nova nas comisións de festas e a cantidade de público que moven as orquestras de verbena galega, podemos dicir que o futuro destas formacións está asegurado.

Texto extraído dos elaborados por Zósimo López Pena e Henrique Neira Pereira para os paneis da exposición "Botamos un baile?: un século de orquestras de verbena en Galicia", que tivo lugar na Biblioteca de Galicia entre novembro de 2023 e maio de 2024.