Apuntes biográficos/históricosDiego San José de la Torre, era o maior de seis irmáns, fillos do propietario dun negocio de alugueiro de coches de luxo, cunha temperá vocación literaria, primeiro como lector e máis tarde como escritor.
Estudou Debuxo co pintor de orixe francés Alejandro Saint Abubin, traballou como escribente nas Salesas Reais e tamén na secretaría particular de José Canalejas, antes de que o político ferrolá fora presidente do goberno. Pero moi pronto comezou a publicar as súas obras e en 1907, aos 23 anos, estreou a comedia El último amor, no Teatro de la Princesa. Colaboraba en prestixiosos xornais e revistas de Madrid sendo un dos escritores máis populares do momento.
Xefe de Prensa da Dirección Xeral de Seguridade durante a II República, dirixida por Ramón Fernández Mato, escritor e político galego, mentres seguía publicando en prensa artigos a favor desta forma de goberno inda que nunca militou en ningún partido. Por iso, en abril de 1939, foi detido e enviado a prisión, sendo condenado a morte en Consello de Guerra, e máis tarde, conmutada a pena, a cadea perpetua, grazas a súa amizade con Millán Astray.
Ao final da guerra foi trasladado á prisión da Illa de San Simón, na ría de Vigo, e ao pechar esta, ao cárcere de Vigo, na rúa do Príncipe. Cinco anos despois, xa liberado, establece a súa residencia en Redondela ata a súa morte. Seguiu escribindo ata o final da súa vida pero co seudónimo Román de la Torre e con poucas obras publicadas. Esta obra posterior á guerra segue a ser inédita.
O testemuño da súa estancia en prisión quedou plasmado na súa obra De cárcel en cárcel, publicada en 1988 cos versos do autor que foron sacados das prisións que recorreu grazas a diferentes medios e burlando a vixilancia do cárcere.