Apuntes biográficos/históricosAntón Losada Diéguez foi un intelectural e ensaísta, membro fundamental da Xeración Nós.
O seu entorno familiar procedía da fidalguía e caracterizábase por unha profunda ideoloxía tradicionalista e católica. A partir de 1907 participa no movemento agrario, colaborando na fundación de sindicatos agrarios.
Aprobada a oposición á cátedra de Psicoloxía, Lóxica Ética e Rudimentos de Dereito, fíxose cunha praza en Ourense en 1913, o que lle permitiu achegarse aos homes do cenáculo ourensán. En 1915 ingresa nas Irmandades da Fala. Losada Diéguez rescatou a Irmandade de Ourense da inactividade á que a levaran os sectores máis conservadores, favorecendo o desenvolvemento do galeguismo e fundando o xermolo da Xeración Nós. No ano 1919 efectuouse o seu traslado a Pontevedra, onde continuou activamente a súa militancia galeguista, sen esquecer o seu labor como propagandista católico, sendo presidente da Acción Católica e impulsor da introdución do galego na liturxia. En 1920 funda a revista "Nós" xunto a Vicente Risco e Arturo Noguerol e a participar na formación da Irmandade Nazonalista Galega en 1922, ainda que a súa vontade de reunificar o galeguismo non triunfou. Converteuse, tamén, nun destacado membro do Seminario de Estudios Galegos, ao que accedeu en 1924.
A súa prematura morte aos corenta e cinco anos aconteceu en Pontevedra, no ano 1929.
Dedicóuselle o Día das Letras Galegas en 1985. Creouse na súa memoria o Premio Losada Diéguez, concedido anualmente e desde 1986 polos concellos de Boborás e Carballiño en dúas modalidades, investigación e creación literaria.
Formas alternativas do nomeLosada Diéguez, Antonio, 1884-1929
Losada, Antón, 1884-1929
Lousada, Antón, 1884-1929
Losada y Diéguez, Antonio, 1884-1929
Lousada Diegues, Antón, 1884-1929
Fontes consultadas1. Autores galegos na BUSC. Visitado o 10 de marzo de 2020 http://www3.usc.es/busc-autoresgalegos/autoridadesdet.asp?ida=2882
2. Catálogo de Autoridades da Biblioteca Nacional de España. XX1637798 . Visitado o 10 de marzo de 2020