Apuntes biográficos/históricosFoi un poeta galego que Ricardo Carballo Calero encadra nos Tempos do Seminario de Estudos Galegos.
Escritor, funcionario, avogado e farmacéutico en Maceda, Xosé Lois Parente relacionouse cos galeguistas da primeira parte do século XX e participou en numerosas xuntanzas e mitins.
Autor cunha carreira truncada nos seus comezos, segundo Carballo Calero, escribiu o libro de poemas bilingüe Con prisma azul, con prólogo de Ramón Otero Pedrayo quen distingue entre os poemas casteláns (do momento superficial) dos galegos (do tempo interior). Neste libro hai bastantes composicións en galego: de exaltación patriótica, de lirismo amoroso ou fantástico e ata unha lenda ao vello estilo.
Xosé Lois Parente foi encadrado no seu momento na escola vangardista, sobre todo coa estética ultraísta de Luís Amado Carballo. Porén, tal encadramento resulta hoxe bastante temerario nuns textos con limitados trazos animistas e impresionistas e mesmo algunha peza decimonónica, coma a "lenda inxenua" titulada "O paxariño loiro" ou a patriótica "Alexandro Bóveda".