Apuntes biográficos/históricosNacida nun ambiente burgués, é a terceira filla do tenente coronel Ángel del Río Uría, estuda na Escola Normal de Mestras, entre 1912 e 1913. Moi influenciada por outras figuras femininas como a de Concepción Arenal ou a escritora catalá Dolors Monserdá cunha concepción do feminismo desde o prisma do catolicismo, a prensa de 1914 recolle unha conferencia pronunciada nesta Escola Normal sobre a formación das mulleres.
Exerceu como mestra particular e tamén nas escolas nocturnas para obreiros da Coruña. Como escritora dedícase sobre todo á Poesía e é nomeada académica correspondente pola Real Academia de Buenas Letras de Málaga.
Escribe algunhas pezas teatrais en galego para grupos cos que ten relación, entre elas, Costumes novas e Parla e parrafeo que foron representadas no Instituto Eusebio da Guarda da Coruña en 1916. Colabora con diferentes xornais e revistas, como El Eco Franciscano, La Ilustración Gallega e El Compostelano. Tamén publica noutros de fora de Galicia. Nos seus artigos defende o dereito das mulleres á educación superior e a exercer unha profesión.
Fontes consultadas1. Álbum de mulleres. Consello de Cultura Galega. Visitado o día 8 de xuño de 2021 http://culturagalega.gal/album/detalle.php?id=993
2. Galipedia. Consultada o día 8 de xuño de 2021 http://gl.wikipedia.org/wiki/Dolores_del_Río_Sánchez-Granados