Apuntes biográficos/históricosDolores Lorenzo Salgado, nada en Lugo o 10 de novembro de 1905, foi unha química galega. Foi a primeira docente na Facultade de Ciencias da Universidade de Santiago de Compostela, xa que foi nomeada como profesora auxiliar o 15 de setembro de 1930 para a materia de Química técnica a proposta do profesor Zurimendi. Filla de Manuel Lorenzo Gil e de Luísa Salgado, naturais de Ourense e veciños de Lugo, fixo o exame de ingreso na Escola Normal de Mestras de Lugo en 1921 onde cursou o bacharelato dende 1921 a 1925, examinándose de varias materias en Lugo e outras no Instituto de Santiago.Estudou na Facultade de Ciencias de Santiago (sección Química) dende 1925 a 1930 cun expediente salientable. Simultaneou os estudos de Química e Farmacia. Realizou o exercicio de reválida para obter o grao de licenciada o 6 de maio de 1931, obtendo a cualificación de sobresaínte.No ano 1939 solicitou traslado de expediente á Facultade de Farmacia de Madrid. Foi unha das cinco primeiras mulleres galegas que publicaron na revista Anales de la Sociedad Española de Física y Química nun momento no que o número de publicacións por parte de mulleres na revista procedía fundamentalmente da Universidade Central e so outras cinco mulleres publicaban dende as universidades periféricas.Publicou en Anales de la SEFQ, xunto con Isidro Parga Pondal, en 1930, un traballo titulado "Sobre la presencia de la Magnetita y de la Ilmenita en las arenas de las playas gallegas", enviado dende o Laboratorio de Química Analítica da Facultade de Ciencias de Santiago e co que ingresou no Seminario de Estudos Galegos.A pesar de publicar en Anales, Dolores Lorenzo non chegou a ser socia da SEFQ. O traballo citado anteriormente foi tamén publicado no Boletín de la Universidad de Santiago de Compostela e relacionado no "Chemical Abstract" baixo o título "Magnetite and ilmenite on The northwest coast of Spain".