Apuntes biográficos/históricosPrestixioso naturalista especializado en bioloxía mariña, mineraloxista, odontólogo, debuxante e arqueólogo, a faceta primordial de Ramón Sobrino, á parte da investigación, foi o ensino, que exerceu nas Facultades de Ciencias das Universidades de Santiago e Madrid, na Escola de Artes e Oficios de Santiago, e nos institutos de Lleida, Palma de Mallorca, Pontevedra e Santiago. Tamén foi promotor da Estación de Bioloxía Mariña de Marín, colaborador da Junta de Ampliación de Estudios e membro numerario do Seminario de Estudos Galegos e do Instituto P. Sarmiento.
Fillo de Luís Sobrino Rivas (1848-1907), médico e membro da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, Sobrino Buhigas naceu nesa cidade en 1888, onde tamén estudou o bacharelato. Logo de cursar o primeiro ano da carreira de Ciencias na Universidade de Santiago trasladou o expediente á de Madrid, na que se licenciou e doutorou en 1911.
Tralo doutoramento foi nomeado profesor da Facultade de Ciencias da Universidade de Santiago, cargo que compatibilizou co de auxiliar da sección técnica da Escola de Artes e Oficios da mesma cidade. En 1914 obtivo a cátedra de Historia Natural do Instituto de Lleida, do que pasou a Palma de Mallorca, onde permaneceu ata 1921, ano no que regresou a Pontevedra como catedrático e director do Instituto, ao que, por designación do claustro, representou nos albores da República nun importante congreso para a reforma do ensino, organizado pola Unión Federal de Estudantes Hispanos. No Instituto de Pontevedra tamén organizou o Museo Prehistórico e era o autor de todas as reproducións, debuxos e fotografías que nel figuraban. E non só iso, senón que puxo a disposición do centro a súa habelencia para o debuxo como autor de numerosas láminas descritivas de bioloxía mariña, que actualmente se conservan no Seminario de Ciencias Naturais do Instituto de Ensino Secundario Sánchez Cantón. No curso 1930-31 instálase en Santiago para seguir exercendo como catedrático de Instituto e matricúlase na Facultade de Medicina, pero ao curso seguinte trasládase de novo a Madrid para exercer como profesor na Facultade de Ciencias e completar os estudos médicos na especialidade de Odontoloxía.
Como eminente biólogo que era, Sobrino Buhigas foi xefe da Estación Meteorolóxica de Pontevedra, membro da Real Sociedade Española de Historia Natural e promoveu a Estación de Bioloxía Mariña de Marín.
Tamén participou co profesor Martín Cardoso en xeiras de recollida de minerais por toda Galicia en colaboración coa Junta de Ampliación de Estudios e a Comisión de Estudios de Galicia, nas que, ademais de Sobrino, participaban Isidro Parga Pondal e Osorio Tafall.
Se profesionalmente Ramón Sobrino dedicou toda a súa vida ao estudo e docencia das Ciencias Naturais, non menos importante é a súa outra grande dedicación ao debuxo arqueolóxico e ao mundo dos petróglifos, nacida por influencia de seu pai, do seu curmán, o excelente debuxante Henrique Campo, e, sobre todo, de Casto Sampedro, que os orientaba desde a Sociedade Arqueolóxica que o sabio erudito dirixía en Pontevedra. Sobrino Buhigas ingresou na Real academia Galega en 1925 e no Seminario de Estudos Galegos o 23 de outubro de 1927 coa lectura do traballo "Contribución al estudio de las insculturas rupestres gallegas". Ao día seguinte, dentro das actividades da III Xuntanza Xeral, foi elixido para formar parte da comisión directiva do SEG como representante dos socios protectores da provincia de Pontevedra. En 1930 foi bolseiro da JAE para estudar as insculturas rupestres durante tres meses en París, onde tratou ao abate Henri Breuil, profesor en Friburgo e París e máximo especialista na arte cuaternaria, e en Londres, onde realizou importantes estudos no British Museum, e en 1935 publicou co carimbo do SEG o Corpus Petroglyphorum Gallaecia. A aparición desta obra supera as conclusións das investigacións anteriores levadas a cabo por Murguía, Barros Sivelo, García de la Riega, Hugo Obermaier, Cuevillas e Bouza Brey e convértese nun fito de referencia no que se analizan de xeito global os focos da arte rupestre galega ao aire libre, como froito do traballo de campo do autor para estudar e catalogar os petróglifos, tarefa continuada tamén brillantemente polo seu fillo Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza.
Despois de dilatados trámites e xestións o Corpus, publicado en versión latina do mercedario de Poio, P. Crespo Pozo, rematouse de imprimir en Madrid, segundo consta no colofón do libro, o 26 de xuño de 1935 nunha edición de 500 exemplares numerados coa participación do tipógrafo C. Bermejo e as pranchas da casa Hauser e Menet. O libro, dedicado a Henrique Campo Sobrino, contén 188 láminas de fotografías e debuxos e un mapa de petróglifos da provincia de Pontevedra, dous prefacios, un de Florentino Cuevillas e outro de Casto Sampedro, así coma unha extensa e documentada bibliografía de 482 títulos. Os exemplares non distribuídos e non vendidos, despois da guerra civil quedaron depositados nas casas de varios socios do SEG, Luís Iglesias, Xesús Carro, Cordero Carrete e o propio Sobrino, pero en 1943 ao crearse o Instituto de Estudios Gallegos P. Sarmiento foron parar á nova institución.
Fontes consultadas1. Autores galegos na BUSC. Visitada o 5 de abril 2022
2. Catálogo de autoridades da Biblioteca Nacional de España. XX1421178. Visitado o 5 de abril de 2022