(Rianxo, A Coruña, España, 1899 - Santiago de Compostela, España, 1981)
Apuntes biográficos/históricosRafael Francisco Antonio Olegario Dieste Gonçalves, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1899 e finado en Santiago de Compostela o 15 de outubro de 1981, foi un escritor republicano galego do exilio, que pertenceu á chamada Xeración de 1925. Cos seus contos e pezas de teatro, entre as que destacan A fiestra valdeira (1927) e Dos arquivos do trasno (1926), tentou modernizar o sistema literario galego afastándoo do ruralismo. Atribúeselle en boa parte a creación do denominado Teatro Nacional Galego. Dedicóuselle do Día das Letras Galegas de 1995. Con quince anos matriculouse na Escola Normal de Santiago de Compostela, mais interrompeu os seus estudos para viaxar a México, onde moraba un irmán seu. De regreso a Rianxo iniciou a súa relación coa literatura da man de Manuel Antonio. Ambos os dous entraron en contacto co federalismo e o nacionalismo a través de Vicente Risco. Entre 1921 e 1923 debeu facer o servizo militar na Guerra de Marrocos. Publicou algúns relatos na revista Cuentos Nuevos de Compostela. De regreso á Galiza, rematou a carreira de xornalismo e colaborou en varios xornais de Vigo, como Faro de Vigo, Galicia e El Pueblo Gallego. En 1926 recolleu oito relatos xa publicados nestes dous últimos no libro Dos arquivos do trasno. Coa súa lectura ingresou, en 1927, no Seminario de Estudos Galegos. Dieste formou parte dunha nova xeración que se debateu entre a dedicación á causa galega e o desexo dun triunfo persoal máis amplo nas letras españolas. Así, en 1932 trasladouse a Madrid para iniciar a súa carreira como escritor. Foi animador nas Misións Pedagóxicas, e en 1933 encabezou a misión que visitou Galiza. Na provincia de Cáceres coñeceu á inspectora de educación Carmen Muñoz Manzano, con quen casou en Santander en 1934. Cunha bolsa de estudos da Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas viaxou en 1935 por Francia, Italia e Bélxica para estudar o teatro europeo. O Golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 sorprendeuno en Madrid traballando nas Misións Pedagóxicas. Durante a Guerra civil española de 1936 formou parte da Alianza de Intelectuais Antifascistas promovida polos comunistas e foi un dos seus responsables da súa revista literaria, El Mono Azul, colaborou tamén na revista Nova Galiza. Foi nomeado director do Teatro Español formando unha compañía con actores en paro. Seguiu a retirada republicana a Valencia en novembro de 1936 onde participa na fundación da revista literaria Hora de España e Barcelona a fins de 1937 e recibe o encargo de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao de dirixir Nova Galiza, en 1939 ingresou no Exército do leste como comisario e participou na elaboración de El Combatiente del Este, finalmente exiliouse coa caída de Cataluña. Despois de breves estadías en Francia, Rotterdam e no Uruguai, estableceuse en Buenos Aires, onde traballou como director literario na Editora Atlántica. En 1948, viaxou por Europa como comisionado do Museo Nacional de Artes Plásticas de Montevideo, e aceptou un posto de lector de Lingua e Literatura Españolas na Universidade de Cambridge até 1952, ao que seguiría outro lectorado no Instituto Tecnológico y de Estudios Superiores de Monterrey, México. En 1954 regresou a Buenos Aires e á Editorial Atlántida, na que apareceu a versión definitiva de A fiestra valdeira (1958). Dos arquivos do trasno. En 1961 regresou a Rianxo e, un ano despois, publicou na Editorial Galaxia unha reedición de Dos arquivos do trasno, ampliando o número de contos. A mediados desa década instalouse na Coruña e en 1970 ingresou na Real Academia Galega como membro de número co discurso "A vontade de estilo na fala popular". Colaborou en diversas publicacións e foi requirido para participar en conferencias, homenaxes e mesas redondas. As súas intervencións nestes actos públicos foron recollidas no libro póstumo Encontros e vieiros (1990). En 1977 asinou o "Manifesto dos 29", reclamando o autogoberno para Galiza. Poucos meses antes da súa morte apareceu o volume Antre a terra e o ceo, que recolle artigos dos anos vinte publicados en El Pueblo Gallego. Foi nomeado Membro de honra da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega en 1981. Ocasionalmente utilizaba o pseudónimo Félix Muriel. Este dá nome ao instituto de educación secundaria de Rianxo, o IES Félix Muriel. Galipedia