(Vilagarcía de Arousa, España, 1861 - Pontevedra, España, 1928)
Apuntes biográficos/históricosComo debuxante e pintor, foi alumno de Ramón Vives i Ayné e do francés Robert A. Marquet. Completou a súa formación na Escola Especial de Pintura de Madrid como alumno no oficial. Foi profesor de debuxo das escolas da Sociedade Económica de Amigos do País cando estaba presidida por Ernesto Caballero Bellido, nun local cedido por José Riestra López. Entre 1898 e 1903 foi profesor no Instituto de Pontevedra, onde deu clase a Carlos Sobrino Buhigas, Enrique Campo e Manuel e Perfecto Hermida Tilve.Como pintor usou o óleo e a acuarela. Participou na Exposición Rexional de 1880 de Pontevedra, exposición de Belas Artes de Madrid coa obra "Una exposición inesperada", e na Exposición Rexional de 1896 de Lugo presentou a obra "Un rincón d'a terriña". Fixo retratos de Riestra, un gravado de Eugenio Montero Ríos, óleos de Augusto González Besada e Raimundo Fernández Villaverde. A Deputación de Pontevedra, para a que traballaba, encargoulle os retratos dos presidentes Manuel Bárcena Franco, Francisco Javier Mugartegui Parga, José María Guerra Cobián, Sabino González Besada e Antonio López de Neira. Publicou óleos e gravados en "La Ilustración Española y Americana", "La Pequeña Patria", e debuxos en "Extracto de Literatura", "Galicia Cómica", "Galicia Moderna" e "Galicia". En setembro e outubro de 1895 visitou Nova York con Celso García de la Riega.En 1904 recibiu a medalla de prata da Asemblea Suprema da Cruz Vermella xunto con Isidro Otero Puga, e foi nomeado socio honorario da Sociedade Artística de Pontevedra. Casou con Generosa Fernández e tiveron catro fillos: Benigno, María (casada en 1924 con Luís Amado Carballo), Luz e África. Morreu na súa casa da rúa do Arcebispo Malvar, e foi soterrado no cemiterio de Santo Amaro.