Apuntes biográficos/históricosEmigrou a Bos Aires en 1913. Despois de ocupar empregos humildes, traballou como viaxante e participou na súa organización gremial; posteriormente estableceuse como comerciante de tecidos e acadou unha confortable posición. De formación autodidáctica, foi un dos fundadores e despois director da revista "Céltiga", na que se ocupou dunha das seccións máis coñecidas e lidas, "El momento de Galicia". Tamén destacou como poeta -sobre todo en castelán-, aínda que a súa obra está espallada por diversas publicacións. Colaborou en "La Democracia" da Veiga, publicou os seu primeiros poemas na Arxentina co pseudónimo Manfredo de Cáceres e despois en La Voz de Galicia"; colaborou en "El Despertar Gallego", "Galicia" (a revista do Centro Galego), "Galicia" (coa sección "Epigramas y Vaguedades" e do que tamén foi redactor) e "Opinión Gallega". Posuía unha das máis amplas bibliotecas da colectividade galega na cidade porteña. Adscribiuse primeiro á Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA) e logo ao Partido Galeguista e á Irmandade Galega de Bos Aires; tivo, ademais, amizade con figuras relevantes do exilio como Castelao, Ramón Suárez Picallo e Blanco Amor. Pertenceu á Asociación Gallega de Universitarios, Escritores y Artistas. Visitou Galicia en varias ocasións e mantivo sempre o vencello coa súa vila natal, sobre todo a través do pintor Amando Suárez Couto. En 1957, despois da súa solicitude, Eliseo Pulpeiro colaborou nos actos organizados co gallo do centenario do poeta Alonso-Trelles, "El Viejo Pancho", tanto coa comisión constituída para levantarlle un monumento coma na creación da biblioteca pública El Viejo Pancho no concello.