(Riobó, A Estrada, España, 1811 - Ribadulla, Vedra, A Coruña, España, 1885)
"Hipólito Otero Maquieira foi un médico e político galego.
Cuarto fillo de Cristovo Vicente Otero Pazos (xuíz en Tabeirós) e María do Carme Maquieira Pazos, donos do Pazo da Mota, en Riobó. Foi irmán do alcalde da Estrada, Estevo Manuel Otero Maquieira.
Foi alumno do Real Colexio de Medicina e Cirurxía de San Carlos, onde se fixo doutor. Nas eleccións celebradas o 2 de outubro de 1836, foi elixido deputado ao Congreso pola provincia de Pontevedra, cargo que desempeñou entre o 8 de decembro deste ano e o 4 de novembro de 1837. Durante este mandato adheriuse á progresista Constitución española de 1837, aínda que non puido xurala. Baixo a presidencia de Vicente Alsina Selisis, foi desde o 25 de setembro de 1840 vice-secretario da Xunta Central Gobernativa de Galicia.
, proclamada en Santiago tras a chegada ao poder de Baldomero Espartero, que pouco despois quedou reducida a unha Xunta Provisional Gobernativa da Provincia da Coruña.
Volveuse presentar ás eleccións do 1 de febreiro de 1841 polas provincias da Coruña e Pontevedra, resultando elixido polas dúas. Decantouse pola acta pontevedresa, ficando como suplente na coruñesa, e desempeñou este novo mandato entre o 24 de marzo de 1841 (que xurou catro días despois) e o 3 de xaneiro de 1843. Entre tanto, participou notablemente na política municipal de Santiago de Compostela da man de Pío Rodríguez Terrazo, sendo nomeado en 1841 Comandante da súa Milicia Nacional. Tamén dirixiu o xornal compostelán La Situación de Galicia (25 de outubro de 1842 a 27 de febreiro de 1843), fundado polo propio Rodríguez Terrazo.
Estando en Lugo, proclamouse o 15 de xullo do mesmo ano a Xunta Central de Galicia, do que Hipólito Otero resultou elixido secretario. Este organismo resultou como reacción á rexencia de Espartero, que acabou por dimitir e exiliarse tras o pronunciamento de Ramón María Narváez. Durante a Revolución de 1868, que destronou a Isabel II, formou parte como vogal da Xunta Revolucionaria da Coruña."
Enlaces relacionados
Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Xunta de Galicia
Atención a la ciudadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal