Apuntes biográficos/históricosFoi un veterinario, autor teatral e poeta, ademais de destacado protagonista do rexionalismo galego de principios do século XX, dentro das Irmandades da Fala. Colaborador de Lamas Carvajal, intentou recupera-la publicación "O Tio Marcos d'a Portela", en 1917, aínda que desapareceu finalmente en 1919. A súa obra é costumista, humorística, irónica e ruralista. Sabe reflectir perfectamente os modos e comportamentos dos campesiños, de modo que semella que transcribira unha gravación dos diálogos e pullas que se dan tódolos días no mundo rural galego. Cando escribe en galego o fai recollendo fielmente a fala ourensá, tanto a do labrego galego como a do señorito que presume de fala-lo castelán.
Estudou Veterinaria na Facultade (Escola Especial) da Universidade de Santiago de Compostela, desaparecida en 1924, onde rematou os estudos con 25 anos. Daqueles anos só se sabe que publica algún verso na revista satírica El Cínife, de Compostela, usando xa o pseudónimo Lameiro. Ao ano seguinte de rematar os seus estudes, en 1901, comezou a traballar en Ribadavia como inspector de carnes e peixe.
En 1909, con 35 anos, presentouse ás oposicións para Inspector Provincial de Hixiene e Sanidade Pecuaria. Aprobou e tomou posesión en Ourense, en 1910, deixando o seu traballo en Ribadavia. É desde este posto cando publica os seus primeiros textos profesionais, sobre distintas enfermidades animais e sobre a mellora do gando vacún. Tamén publicou follas divulgativas dirixidas ós gandeiros ourensáns sobre diferentes temas agrícolas e gandeiros, como a mellora da hixiene dos cortellos e os perigos da convivencia da xente co seu gando, común nas vivendas daquel tempo. Dita tamén numerosas conferencias sobre os mesmos temas.
Foi presidente do Colexio de Veterinarios de Ourense desde a súa fundación, en 1923, ata 1926, continuando como presidente de honra ata a súa morte.
"O Tío Marcos d'a Portela" foi o primeiro semanario escrito integramente en galego, creado por Valentín Lamas Carvajal, quen o dirixe desde a súa fundación o 7 de febreiro de 1876 ata o 17 de marzo de 1889, data na que deixa de publicarse. En 1917, Prado Lameiro xunto con outros integrantes das Irmandades da Fala, recuperan o proxecto e inician unha nova e última etapa.
Co paso do tempo, Prado Lameiro foi mudando desde o galeguismo a posicións máis próximas ós partidos políticos de dereitas.
En 1928, La Región de Ourense publica o seu segundo libro de poemas: "Cóxegas e moxetes". Tamén se publican, en dous tomos titulados "Monifates e Farsadas", catorce pequenas obras teatrais. Galipedia.
Fontes consultadas1. Autores galegos na BUSC. Visitado o 22 de abril de 2020. http://www3.usc.es/busc-autoresgalegos/autoridadesdet.asp?ida=3981
2. Catálogo de Autoridades da Biblioteca Nacional de España. XX936296. Visitado o 22 de abril de 2020