(A Coruña, España, 1846 - Liáns, Oleiros, A Coruña, España, 1917)
Apuntes biográficos/históricosIgual cás súas irmás maiores, Ana e Enriqueta, Fanny gozou dunha exclusiva educación que lle proporcionou unha sólida cultura e dominio de varias linguas; tamén as súas incesantes viaxes por Centroeuropa determinaron o seu don de xentes, o seu saber estar e a súa visión progresista das necesidades sociais e culturais da súa época, que a converteron nunha muller -pioneira, rompedora e avanzada ao seu tempo- que refulxía con luz propia alá onde ía. Todo iso reflíctese na súa obra literaria, pois, máis aló das súas renomeadas novelas asinadas baixo o pseudónimo Eulalia de Liáns Escaramuzas (publicada en Madrid, en 1885), La madre de Paco Pardo (na mesma cidade, en 1898) e Batallas (inédita)-, os títulos dos seus ensaios, artigos de prensa e obras literarias menores, dan testemuño da súa preocupación e implicación coa problemática social do seu tempo, así como da súa devoción pola cultura e polo folclore galego, por exemplo: o seu conto Jaque-mate (1887), publicado no Correo Gallego; La fiesta de la patrona (1887), La situación agrícola (1887) e Los infinitamente pequeños (1892), publicados na revista Galicia de Andrés Martín Salazar; El problema de la mendicidad (1909) e De cómo se salvan las vidas en la primera infancia (1912), escritos en calidade de Vocal do Consello Superior de Protección á Infancia; Sueños, ideales, realidad (1913) como Vicepresidenta do Centro Iberoamericano de Cultura Popular Feminina; etc. Por último, non é posible lembrar a súa traxectoria literaria sen facer mención ás súas traducións ao castelán de obras alemás, como, por exemplo, Viaje a Italia (1891) de Goethe, que inclúe un limiar crítico.
O enaltecemento da súa innegable beleza é unha loa reiterada polos seus biógrafos e isto corrobórase con cada un dos poucos retratos que dela temos. Na nosa hemeroteca galega, Isabel Martínez Barbeito describe así a elegancia da súa presenza: tenía ojos azules, grandes y dulces, fino cutis, un rostro de rasgos armoniosos; el pelo rubio peinado, de adolescente, en bucles y más tarde en bandos sencillamente recogido en la nuca; todo ello aderezado con un aire de gran señora. Tal foi o eco da súa fermosura, que ata o noso tempo chega a lenda de que a raíña Isabel II, na súa viaxe a Galicia en 1858 para a inauguración do ferrocarril que unía a cidade de A Coruña con Madrid, cruzouse con Fanny -aínda nova- e, impactada pola súa beleza, mandouna chamar e, ao despedirse, ofreceuse a ser a súa madriña de voda. Esta anécdota, que é clásica da crónica coruñesa, ten visos de ser certa xa que o 16 de xuño de 1860, Fanny Garrido contraeu matrimonio co eximio compositor galego Marcial del Adalid y Gurrea na Capela-Oratorio do Pazo do Excmo. Señor Capitán Xeral na Coruña (actual Pazo de Capitanía Xeral), e constan como padriños do casamento insignes personalidades da nobreza española enviados especialmente en representación da monarca .
A vida deste matrimonio desenvolveuse entre Madrid e a súa residencia en Oleiros con intermitentes estadías no estranxeiro, especialmente na capital francesa. Nesta granxa como así chamaba o Mestre Adalid ao seu Pazo de Lóngora- eran tradición os seráns rodeados de amigos artistas e intelectuais: Emilia Pardo Bazán, Sofía Casanova, os pintores Taibo e Lloréns, Pan de Soraluce, Alfredo Tella, Pérez Lugín Foi este lugar tamén escenario de inspiradas composicións como Cantares viejos y nuevos de Galicia, obra que funde o talento destes dous creadores en fermosas melodías galegas que recollen a máis pura esencia da nosa terra, como así expresou a Condesa de Pardo Bazán: la exquisita sensibilidad del autor le ayudó a entender y expresar el contenido de la música de nuestras tierras, semi-guerrera, religiosa al modo vago y panteístico de los celtas, y sobre todo lo han reconocido cuantos la oyeron- melancólica, velada como nuestro cielo, quejosa como nuestros pinares y como el oleaje de nuestro mar de Cantabria. Con sumo tacto acertó Adalid a conservar a los cantares gallegos su idílica sencillez, su campestre frescura, sin robarles el color y el sabor regionales, sin profanarlos con adornos que así sientan al arte del pueblo, cual flores de trapo sobre un arbusto lozano y natural.
Cómpre mencionar aquí o feito posiblemente máis importante, e quizais menos coñecido, de toda a traxectoria de Fanny Garrido: o 29 de decembro de 1883 ten lugar o acto constitucional da Sociedade de Folk-Lore Galego, na rúa Tabernas, nº 11. No seu compromiso con Galicia, acompañando á presidenta e promotora, Emilia Pardo Bazán, figura Fanny Garrido coma socia fundadora na xunta inaugural da institución, sendo ambas as únicas mulleres participantes, fronte a unha maioría masculina. Posteriormente estaría presente tamén na primeira listaxe xeral folkloristas considerados como socios fundadores da Academia Gallega, esta vez a carón de outras galegas ilustres coma Filomena Dato, Joaquina Otaño, Matilde Frade ou Francisca Fernández Vaamonde, entre outras. É debido á súa contribución nestes sucesos históricos que foi nomeada Académica Correspondente da Real Academia Galega o 15 de setembro de 1905.
Do seu matrimonio con Marcial nacería unha filla, María de los Dolores Francisca del Adalid y González Garrido (1874-1930), única herdeira, que ao termo da súa vida entregaría xenerosamente as bibliotecas de música e medicina da súa familia á Real Academia Galega. Este legado bibliográfico orixinariamente privado, hoxe coñecido coma Fondo Adalid, destaca pola riqueza e singularidade das súas pezas e este acto de doazón foi conmemorado e agradecido pola Institución co seu nomeamento como Académica de Honra o 5 de marzo de 1929.
Formas alternativas do nomeGonzález Garrido, Francisca, 1846-1917
Garrido de Rodríguez Mourelo, Fanny G., 1846-1917
Seudónimo:
Seudónimo: Lians, Eulalia de, 1846-1917
Fontes consultadas1. Autores galegos na BUSC. Visitado o 12 de marzo de 2021 http://www3.usc.es/busc-autoresgalegos/autoridadesdet.asp?ida=2077
2. Catálogo de Autoridades da Biblioteca Nacional de España. XX1285972. Visitado o 15 de marzo de 2021